O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, amosou o apoio da Deputación ao labor da asociación Down Xuntos Pontevedra durante unha visita á sede desta entidade na rúa Gorgullón de Pontevedra. Acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez e a deputada de Igualdade e Benestar Social, Sandra Bastos, Luis López confirmou a concesión dunha axuda a este colectivo para levar a cabo o proxecto ‘Reforzo da Linguaxe Oral. Área Vida Adulta’. Unha iniciativa da que se benefician 51 persoas da zona norte da provincia que consiste na prestación dun servizo especializado de logopedia para os usuarios e na instrución dos familiares para facilitar o desenvolvemento da habilidade da fala e da linguaxe na contorna doméstica.
“Cando dicimos que queremos que a provincia vaia a máis, colectivos como Down Pontevedra Xuntos son determinantes. Queremos sumar esforzos porque para unha administración como a Deputación son a canle perfecta para, a través das axudas que proporcionamos, chegar a estes colectivos. Polo tanto temos que ir da man de Down Pontevedra Xuntos”, recoñeceu o presidente da Deputación.

Despois de percorrer as instalacións desta asociación en Pontevedra e escoitar as explicacións sobre o traballo que realiza e as necesidades que ten esta entidade, o mandatario provincial reafirmou a vontade do goberno da Deputación de manter a colaboración con Down Pontevedra Xuntos en todo o que sexa posible para que continúen ofrecendo un servizo que mellora a calidade de vida das persoas con Síndrome de Down ou con algún tipo de discapacidade intelectual. “Sumámonos deste xeito á conmemoración do Día Mundial da Síndrome de Down que ten lugar este xoves”, contextualizou o dirixente.

Neste sentido, Luis López puxo en valor a importancia deste colectivo fundado no ano 1991 por familiares de persoas con Síndrome de Down. O presidente provincial non só destacou o labor realizado pola inclusión social, a educación e a formación dos seus usuarios, tamén agradeceu o esforzo realizado para que as familias poidan conciliar a vida familiar e laboral. “Quero agradecer o traballo de todos os profesionais que traballan nesta asociación de Down Xuntos Pontevedra. Case 20 persoas que grazas a eles, as familias, nenas e nenos teñan un modo de vida acorde aos tempos que debemos vivir”, valorou Luis López.
A colaboración da Deputación con este proxecto de Down Pontevedra Xuntos reflexa o compromiso do goberno provincial co tecido asociativo pontevedrés para mellorar a atención ás persoas con Sindrome de Down, con algunha discapacidade intelectual ou con todas aquelas persoas que presentan necesidades especiais.