11.5 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeUltimas NoticiasGonzalo Caballero no Congreso: “Aznar prorrogou a concesión da AP-9 e Rajoy...

    Gonzalo Caballero no Congreso: “Aznar prorrogou a concesión da AP-9 e Rajoy vetou debater a súa transferencia a Galicia”

    O secretario xeral recorda que foi Touriño “o primeiro” en reclamar para Galicia a AP-9, como xa se transferiron outras vías a Euskadi ou Cataluña, e reclama “aliviar” as peaxes

    O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, interveu onte no Congreso dos Deputados para defender a transferencia a Galicia da AP-9, unha cuestión reclamada xa por Emilio Pérez Touriño dende a presidencia da Xunta a pesares de que outros “tenten agora colgarse medallas”.

    Ao respecto, o líder dos socialistas galegos puxo en valor que un goberno progresista permite o debate sobre esta cuestión no Congreso, logo de que o PP, con Rajoy como presidente, impedira a súa tramitación. “Mentres o goberno de Aznar prorrogou a concesión da autopista ata 2048 e o goberno de Mariano Rajoy vetou de xeito continuo o debate da transferencia da AP-9 a Galicia no Congreso, é necesario avanzar na rebaixa das peaxes e no traspaso da autopista”, destacou.

    Ao fío disto, Gonzalo Caballero subliñou que “aínda hoxe é máis caro en peaxes desprazarse de Vigo á Coruña que de Vigo a Madrid” e que se traduce “nunha peaxe de 22,30 euros por circular do sur ao norte de Galicia” que “resulta inadmisible”. “É unha carga abusiva que limita a mobilidade e a competitividade aos galegos e ás galegas”, advertiu, sen esquecerse das restricións que impón ás persoas con “maiores dificultades económicas”.

    Así pois, o dirixente socialista puxo o foco en que cómpre “aliviar” este “auténtico espolio”, o dunha concesionaria que recada máis de 300.000 euros ao día ata 2048 debido ao “regalo envenenado que nos deixou Aznar aos galegos e ás galegas”. Precisamente por iso agradeceu aos grupos que apoiaron os Orzamentos Xerais do Estado, “posibilitando o que vai ser unha rebaixa histórica das peaxes neste ano” a través dos 63 millóns de euros destinados a bonificacións na AP-9.

    “Galeguismo” do PSdeG

    Canto á transferencia, Gonzalo Caballero reivindicou o “galeguismo” do PSdeG por seren o único partido dos presentes neste debate que participou na redacción do Estatuto de Autonomía de Galicia –texto que confire instrumentos para solicitar o traspaso desta vía– e recordou que outras autopistas de titularidade estatal foron transferidas xa en nacionalidades históricas como Euskadi e Cataluña.

    “Os argumentos que se poidan aducir en contra do traspaso da AP-9 véñense abaixo á vista dos precedentes”, engadiu o máximo responsable do PSdeG.

    “A posición dos socialistas galegos non é romper España, senón fortalecela na súa diversidade, ni vaciar o Estado, senón construír un Estado eficiente, responsable e moderno. Cremos no estado das autonomías, na cogobernanza e no principio de subsidiariedade para unha xestión racional da AP-9”, argumentou Gonzalo Caballero.

    Guillermo Meijón

    Pola súa banda, o coordinador dos deputados do PSdeG no Congreso, Guillermo Meijón, defendeu tamén o traspaso a Galicia da AP-9, a que é “a nosa calle Maior”. Apelou a criterio de “equidade e xustiza” nun contexto no que a concesión remataba en 2023, pero Aznar prorrogouna 25 anos máis.

    Ademais, o deputado pontevedrés subliñou que o traspaso da AP-9 e a rebaixa das súas peaxes “está nos compromisos do PSOE e, sinaladamente, nos do PSdeG”. 

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.