O parque Regojo de Redondela acolleu na mañá de onte a presentación do XXII Festival de Artistas de Rúa e os Shopping Days que se desenvolverán o venres 24 e sábado 25 de setembro, nunha iniciativa conxunta do Concello de Redondela –a través das concellerías de Cultura e Comercio, xestionadas por Iria Vilaboa e María Castro, respectivamente–, e a Asociación de Empresarios de Redondela.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, explicou que a posta en marcha do XXII Festival de Artistas de Rúa foi unha das primeiras iniciativas que adoptou a Concellería de Cultura e lembrou que este festival “organizábase tradicionalmente a finais de xullo e principio de agosto e este ano non figuraba na programación, polo que primeira medida que adoptou o Goberno socialista que presido foi recuperar esta actividade”.
Paralelamente a recuperación deste festival que recupera o seu formato tradicional de dous días, a Concellería de Comercio púxose en contacto coa Asociación de Empresarios “para facer coincidir ambos eventos e contribuír á dinamización das rúas e ao apoio ao noso comercio que foi un dos grandes prexudicados durante a recente pandemia da COVID 19”.
A alcaldesa, nas súas palabras, quixo agradecer “o traballo que fai a Asociación de Empresarios e a súa xerente, Julia Alonso, e a disposición amosada para facer coincidir as dúas iniciativas que se complementan perfectamente”. Digna Rivas apuntou que as persoas que veñen atraídas polo Festival de Artistas de Rúa “poden gozar das vantaxe dos shopping days, con produtos de calidade de fin de tempada a prezos moi rebaixados e, ao mesmo tempo, aquelas veciñas e veciños que veñen atraídos por este outlet a ceo aberto, poden atopar rúas dinámicas e animadas que propician a visita aos establecementos comerciais”.
En total serán 42 establecementos de diferentes sectores comerciais os que, durante a fin de semana, ofrezan os produtos de fin de tempada a prezos moi rebaixados. Ao mesmo tempo, no interior das tendas, farase un avance do que será novidade na vindeira tempada.
XXII Festival de Artistas de Rúa
Dada a necesidade de manter os protocolos de seguridade, todos os espectáculos serán itinerantes para evitar, dese xeito, as aglomeracións de público e que, ao mesmo tempo, poidan gozar de todos e cada un dos espectáculos o maior número posible de espectadores e espectadoras.
Velocíclopes, Circo Karsnobarak, Ulterior, a Viaxe, Pachamama e Latexo Percusión serán os encargados de animar as rúas durante toda a fin de semana segundo o seguinte horario:
24 de setembro
- 17.15 h – 18.00 h Latexo Percusión
- 18.00 h – 19.30 h Velocíclopes
- 19.30 h – 20.30 h Latexo percusión
- 20.00 h – 21.30 h Pachamama
25 de setembro
- 17.30 h – 18.15 h Latexo Percusión
- 18.00 h – 19.15 h Ulterior, a viaxe
- 19.30 h – 21.00 h Circo Krasnobarak
- 20.45 h – 21.45 h Pachamama