A Deputación de Pontevedra consolídase como a gran promotora das infraestruturas culturais na provincia. A nova biblioteca de Nigrán, unha actuación que supuxo o investimento de 1.849.525 euros no marco do Plan de Reequilibrio, é o último equipamento cultural que a institución provincial fai posible e que entrará en funcionamento a finais deste mes de abril. O deputado de Cooperación, Santos Héctor, visitou onte as obras acompañado do alcalde, Juan González e da deputada, e tamén concelleira nigranesa, Raquel Giráldez.
O edificio reforza a centralidade deste espazo e está dotado con catro fachadas e 1.260 metros cadrados construídos. Conta cun deseño de vangarda, que se adapta perfectamente á pendente da parcela e que foi concibido con criterios bioclimáticos, dotado, por tanto, coas últimas tecnoloxías en climatización e iluminación, reducindo os consumos enerxéticos e o impacto ambiental. As obras foron financiadas ao 80% pola Deputación, que achegou 1.479.620 euros, mentres que o Concello de Nigrán correu cos 369.905 euros restantes.
‘Contedores culturais’
Santos Héctor definiu á biblioteca pública como “un novo fito urbano de Nigrán” e destacou que vén sumarse a outros “contedores culturais” impulsados dende a Deputación que están agora en obras, como o Auditorio do Grove, ou xa rematados, como as Casas Goday (Illa de Arousa), a mellora do Centro de Interpretación das Torres do Oeste (Catoira) ou os novos centros socioculturais de Caldas de Reis e As Neves.
“Construímos cultura, equipamentos que enriquecen a vida da veciñanza destes municipios”, destacou. O deputado cualificou a obra como “magnífica pola súa integración na zona e na trama urbana” e engadiu que destacará aínda máis cando se remate a nova praza na súa contorna. “É unha construción moi singular e da que estamos orgullosos/as porque a cultura é unha liña prioritaria nas políticas públicas da Deputación”. O deputado asegurou estar desexando volver para inaugurar as instalacións, “xa con rapaces e adultos/as gozando dos libros”. “Esta obra é un acontecemento para o Val Miñor, un dos proxectos máis ambiciosos da Deputación e, sobre todo un acerto, porque investir en cultura é acertar”, remachou.
Cultura, educación e valores
Juan González agradeceu o apoio do Goberno da Deputación de Pontevedra “nunha obra tan importante para Nigrán como é esta Biblioteca, que dentro dun mes estará en servizo”. “Este é un edificio singular, que vai crear centro en Nigrán e vai ser un revulsivo económico para a toda a zona; un edificio que transpirará cultura, educación e valores”. “Que a Deputación apostara para esta gran obra cultural para Nigrán”, concluíu, “é un auténtico pracer que nos demostra o valor da cooperación institucional ben entendida”.
As obras afrontan nestes momentos os últimos retoques, cun nivel de execución que supera xa o 80%. O edificio está pendente só da urbanización exterior, así como dos remates de pintura, fontanería e carpintería, así como das instalacións. A obra civil, que foi readxudicada en xuño de 2020 despois da renuncia da primeira empresa, estará lista este mes.
A nova Biblioteca está distribuída nun andar baixo para zona de recepción e diversos servizos, un primeiro andar para a sala de ordenadores e sala de préstamo infantil e xuvenil, un segundo andar para sala de préstamo de literatura para adultos e, finalmente, un terceiro andar coa sala de estudo (130 metros cadrados) e catro salas pequenas (duns 7 metros cadrados cada unha) para o estudo en grupo. Ademais, alberga o obradoiro de mantemento. Está coroado por unha terraza con fermosas vistas. O edificio vai ser dotado cun mobiliario minimalista e estilo contemporáneo acorde co edificio.
O Plan de Reequilibrio ten financiado, con este, un total de 25 proxectos singulares ao longo de toda a provincia. O Plan, dotado cun total de 15 millóns de euros, financiou ata o 80% dos proxectos presentados polos concellos cun tope máximo de 1,5 millóns de euros, o que converte ao de Nigrán nun dos máis relevantes. Os proxectos foron seleccionados polos técnicos provinciais en función de criterios obxectivos fixados na convocatoria.