A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de rematar o proxecto de mellora e reforzo da eficiencia enerxética no IES A Sangriña, no Concello da Guarda, coa renovación da súa carpintaría exterior cun investimento de case 250.000 €. O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, acompañados polo alcalde da Guarda, Antonio Lomba, visitaron as instalacións nas que se realizaron traballos que pretenden favorecer o illamento e incrementar a confortabilidade térmica no interior para mellorar as condicións lectivas para a comunidade educativa.
“A Xunta de Galicia ten un compromiso inequívoco cunha educación pública de calidade e por iso está a desenvolver un plan global de acondicionamento dos centros educativos na provincia de Pontevedra que neste caso beneficiou a este instituto, de case 40 anos, para favorecer as condicións das clases”, explicou Luis López.
Os traballos realizados consistiron na substitución das fiestras e das persianas para acadar un edificio máis eficiente e illado do exterior e que presente unhas mellores condicións térmicas dadas as súas grandes dimensións, xa que conta con dous volumes e tres andares aos que se engaden espazos anexos como os obradoiros, o ximnasio e o pavillón.
Ademais, a actuación completouse coa reforma e habilitación da antiga casa do conserxe en dúas aulas para gañar espazo e responder, de xeito máis axeitado, ao protocolo de seguridade sanitaria fronte á covid-19. Esta obra tivo un orzamento de 40.000 €.
Deste xeito, a Consellería de Educación segue co seu proceso de modernización do instituto guardés, no que, ao longo da última década, investíronse máis dun millón de euros en actuacións diversas, como o cambio de cuberta, a renovación das instalacións eléctricas, o reemprazo do sistema de calefacción, a substitución das redes de saneamento ou diversas reformas e redistribución de espazos, entre outras.