Sábado, 3 Maio de 2025

Gonzalo Caballero critica o plan de usos da Xunta para o Pazo de Meirás: “branquea o franquismo e oculta a importancia da memoria histórica”

O líder dos socialistas galegos esixe unha “folla de ruta” para pór en valor a democracia e condenar a ditadura no uso de Meirás, o que considera compatible coa “defensa da figura de Pardo Bazán”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, criticou hoxe plan de usos para o Pazo de Meirás, presentado nas últimas horas pola Xunta, xa que “branquea o franquismo e tenta ocultar a importancia de defender a memoria democrática”. Fíxoo tras asistir, esta mañá, no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, á celebración do acto central co gallo do Día das Letras Galegas.

“Os socialistas e as socialistas vémonos na obriga de rexeitar calquera tipo de plantexamento para o uso do pazo que implique tentar ocultar a importancia de defender a memoria democrática e condenar o franquismo”, aseverou. Así, Caballero subliñou que o plan “racha calquera posibilidade de acordo” ao carecer dunha “folla de ruta” para defender a memoria histórica.

O líder dos socialistas galegos incidiu en que “isto é sostible coa defensa da figura de Emilia Pardo Bazán e coa posta en valor da súa biblioteca no Pazo de Meirás”; pero recalcou, que “o uso futuro ten que ter a defensa da memoria democrática e histórica como principal bandeira, despois de tantas décadas de franquismo e represión”.

Nesta liña, Caballero puxo en valor o traballo desenvolvido ata o de agora polo goberno de España no eido xudicial para conseguir que o Pazo de Meirás “volvese ao público”. O socialista subliñou que o goberno, encabezado pola vicepresidenta primeira Carmen Calvo, “segue a traballar” para “pór en valor a memoria democracia” neste espazo.

O Día das Letras Galegas

O responsable socialista participou no acto central de celebración do Día das Letras Galegas para homenaxear a Ricardo Carvalho Calero, no que fixo un chamamento a todas as administracións públicas para “frear o retroceso do galego” que “detectaron diferentes institucións académicas, da lingua e europeas”.

“Temos que pór en valor a importancia de defender a nosa lingua, o galego, e traballar por unha cooficialidade real e por un bilingüismo que non permita ningún retroceso no uso do galego no noso país”, aseverou. Así, Caballero urxiu á Xunta a “traballar máis por potenciar e defender” a nosa lingua.

Neste senso, o responsable socialista esixiu “unha política lingüística na que o galego sexa defendido” e remarcou a importancia de que “cada un en Galicia poida falar e expresarse en galego ou en castelán” con liberdade.