Venres, 2 Maio de 2025

‘Redondela VIII’ incrementará as oportunidade laborais de 100 persoas desempregadas

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, visitou hoxe en Redondela aos alumnos e alumnas que están a formarse no Programa Integrado de Emprego (PIE) Redondela VIII, unha iniciativa cun ano de duración e cun obxectivo de inserción laboral que supera o 40 %. A Consellería de Economía, Emprego e Industria financia ao 80 % esta iniciativa, a través dunha axuda de 208.000 euros. En total, están a participar 100 persoas desempregadas, principalmente menores de 30, maiores de 45 anos e persoas con capacidades diferentes e/ou en risco de exclusión social.

Marnotes salientou o bo resultado dos programas integrados que teñen como reto principal incrementar as oportunidades laborais dos desempregados a través da formación, o asesoramento e as prácticas en empresas da contorna. Neste senso, sinalou a aposta da Administración autonómica por plans que combinen formación e prácticas dando resposta a un modelo de formación dual e flexible para acadar un emprego de calidade.

A través do Redondela VIII estase a ofrecer formación específica para desempeñar labores de carretilleiro, xestión de almacén, operario de produción, dependente de comercio, caixeiro de supermercado, guía turístico e limpeza industrial, entre outros. Tamén se imparte cualificación transversal en informática, manipulación de alimentos, prevención de riscos laborais e idiomas.

Nesta edición do programa priorizouse por primeira vez aos Concellos Emprendedores, os que forman parte do convenio que a Xunta asinou coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para impulsar en Galicia o desenvolvemento de novos proxectos industriais, como é o caso de Redondela. Tamén se concederon programas integrados específicos para mulleres e se primou a aqueles proxectos nos que se implicou o tecido empresarial de cada zona, co obxectivo de que os programas se centren nas demandas laborais de cada comarca, e a aqueles plans de xestión compartida para incentivar os procesos de fusión municipal.

Para rematar, o director xeral salientou a importancia de adaptar as cualificacións aos perfís profesionais que precisan as empresas para competir, crecer e xerar emprego de calidade. Neste senso, destacou a cooperación entre a Xunta, concellos e entidades para acadar o máximo proveito dos programas integrados de emprego.