Sábado, 3 Maio de 2025

Redondela acolle do 22 ao 29 de abril unha nova edición de «ArteLixo» dedicada ao cambio climático

O ArteLixo2023 chega un ano máis a Redondela cunha proposta clara: reflexionar sobre o Cambio Climático dende unha mirada ecoloxista. Unha mirada que tamén propón outro xeito de facer, de estar, xa que para que o ArteLixo2023 poida celebrarse é necesaria a colaboración de moitas persoas, voluntarias, activistas, comerciantes, cidadáns do pobo de Redondela, profesorado, alumnado… Mais, sobre todo, das artistas que expoñen as súas obras.

O noso desexo das e dos organizadores é que “todas as persoas que colaboran e expoñen se sintan cómodas e que o seu paso polo ArteLixo2023 sexa agradable e gozoso. Porque as cousas tamén se poden facer así; entre moitas, onde cada unha achega o que saiba e poida e sen máis interese que participar nunha convocatoria de arte aberta, ecoloxista e colectiva”.

Como inscribirse no ArteLixo 2023

  • As obras terán que estar elaboradas, obrigatoriamente, con materiais de refugallo.
  • As e os interesados debrerán cubrir o formulario de inscrición antes do 11 de Abril de 2023. Se, por calquera circunstancia, a obra se inscribe con data posterior, a organización non pode garantir unha localización de exposición nin que a obra sexa catalogada, nin que apareza no rueiro da exposición.
  • O formulario pódese cubrir nesta ligazón https://forms.gle/vJP8gB1hWpCQJyoy8 dispoñible nas redes sociais de ArteLixo.
  • Unha vez rematado o prazo de inscrición a organización porase en contacto coas autoras/es das obras para concretar os detalles de localización e calquera outro que poida xurdir.
  • As/os artistas colocaran e retiraran as obras do sitio elixido xa que se considera que é bo que sexa a propia persoa que concibiu a obra quen a coloque ao seu xeito e a presente correctamente. Á hora da retirada, a experiencia de todos estes anos pasados evidencia que se as obras non son recollidas a tempo, quedan na rúa ou escaparate infravalorándose así a propia obra e o propio certame.
  • A organización facilitará as/os artistas unha cartela para a correcta identificación da obra que poderán colocar xunto a obra no momento da súa montaxe.
  • Para calquera dúbida, dificultade, cuestión ou suxestión as persoas interesadas poden poñerse en contacto coa organización de ArteLixo a través do correo electrónico [email protected] ou no teléfono 604 039 213 (Fran).

Emerxencia climática: un reto socio-ambiental

A emerxencia climática é o reto socio-ambiental ao que temos que enfrontarnos. Unha crise de dimensións planetarias con consecuencias claramente observables no presente. Dende ArteLixo queremos achegarnos ao Cambio Climático como un problema complexo e global con conexións individuais e colectivas.

Que se pode facer dende a cotiandade? Como podemos procurar un cambio de paradigma nas nosas relacións co medio ambiente?

O fracaso dos cumios e medidas tomadas polos gobernos para frear o Cambio Climático é substancial ao sistema que sufrimos, un sistema capitalista que para a súa perpetuación necesita do aumento do consumo, baseado na lei da oferta e a demanda que reduce cada vez máis os prezos, baixo a lei da competencia, para vender máis cantidade de bens a mercadorías e así obter o exponencial aumento de beneficio que permite manter a flote a industria e o traballo fronte a outros competidores. Así, esa substancialidade do capitalismo, a acumulación de diñeiro, consume cada vez máis recursos e máis enerxía que, debido a aquelas outras leis universais da física, da química, da entropía, da natureza, transfórmase en lixo, en quentamento, en emerxencia climática.

O recente estudo do grupo intergoberbamental sobre o cambio climático, IPCC, dependente da Nacións Unidas, publicado o pasado domingo 19 de marzo énchenos de desesperanza. Estes expertos avisan que é posible que esta sexa a derradeira advertencia do IPCC para limitar o grado de quentamento a 1,5º. Por encima deste quentamento as consecuencias son extremadamente catastróficas, dando por feito a chegada a ese límite, xa que se continúan as actuais pautas de consumo alcanzaríamos ao longo deste século un quentamento de 3,2º e de conseguir levarse a cabo as actuais medidas aprobadas polos gobernos do mundo alcanzaríanse os 2,8º, un aumento insostible. Pese a que os expertos cuestionan a actual gobernanza mundial, énchennos de desesperanza ao recoñecer que o freo a este quentamento global está en mans de políticos e industria.