Dende a Comunidade de Montes Veciñais en man Común do Viso tense claro dende hai anos que os lumes apáganse en inverno. A xestión diaria do monte, o estar pendente de cada necesidade do monte e o seguimento permanente da súa evolución é a principal ferramenta para loitar contra a lacra dos incendios forestais. Así o indican dende a Xunta Directiva do monte veciñal do Viso: “un monte abandonado e sen xestión, nun territorio tan antropizado, leva tarde ou cedo á súa destrución polas lapas, sobre todo coa desastrosa situación actual de cambio climático ”.
Por este motivo, a actividade é constante neste monte, que se xestiona baixo estándares internacionais de xestión forestal sostible. No último ano traballouse en multitude de áreas e fíxose un importante esforzo para reducir a biomasa no entorno das zonas da parroquia habitadas lindeiras co monte veciñal.
No monte Espiño traballouse sobre 12,62 ha do rexenerado de piñeiro, reducindo a súa densidade e rozando o mato. Neste caso contouse cunha axuda para actuacións silvícolas da Consellería de Medio Rural. Reforestáronse 4,91 ha destruídas no incendio do ano 2016, das cales a metade foron de piñeiro do país e a outra metade de castiñeiros, bidueiros e carballos. Esta actuación contou cunha axuda da Xunta de Galicia para forestación de rasos. Tamén se realizaron pequenas repoboacións con frondosas en zonas do monte Outeiro Grande e do monte Espiño.
A propia comunidade realizou xornadas de voluntariado coa veciñanza enmarcadas no Día da Árbore nas que, entre o ano 2023 e o 2024, repoboáronse máis de 800 frondosas caducifolias en zonas de defensa contra incendios no entorno de vivendas na zona de Saramagoso, onde previamente se cortara o eucalipto alí presente, e no entorno da senda alternativa ao Camiño de Santiago que pasa polo monte comunal. Rozáronse pistas forestais no monte Espiño, rozouse a parcela da Lomba e rozouse e podouse o arborado do entorno do Miradoiro do Outeiro Grande. Na Nogueira, cunha axuda do Plan Social de Ence, actuouse sobre dúas zonas de matogueira e arborado moi próxima a vivendas. Xa recentemente rozouse unha zona de difícil acceso no entorno das casas no lugar da Feixoeira, na base da Peneda.
O traballo é permanente e a xestión dos montes do Viso busca fomentar unha importante descontinuidade arbórea e definir de maneira estratéxica franxas de defensa pasiva contra incendios forestais. Así pois, nos vindeiros meses seguirase traballando coa roza de pistas forestais, e realizarase un esforzo importante no monte que os comuneiros do Viso teñen na Peneda, un lugar emblemático da comarca no que os incendios provocaron importantes danos no pasado.