O outono trae consigo unha nova oportunidade para explorar a creatividade no Rosal. O Concello pon en marcha os Obradoiros de Outono, unha serie de talleres para todas as idades que se realizarán os sábados do mes de novembro.
Catro propostas organizadas dende a OMIX que comezarán o 9 de novembro coas kokedamas como protagonistas da man de Willi Melguizo para continuar o 16 de novembro co obradoiro Pinta a túa cerámica da man de Conchi Garrido. O sábado 23 de novembro o público participante poderá achegarse á artesanía en coiro guiado por Medialúa e o 30 de novembro porase o broche final a todo un mes de actividades co taller de introdución á banda deseñada con Xosé Tomás.
O concelleiro de Xuventude, Alejandro González, explicou que “o noso obxectivo é ofrecer alternativas culturais e formativas que permitan á xuventude e á veciñanza en xeral explorar novas habilidades e divertirse aprendendo”. Organizados pola OMIX do Rosal, aínda que os obradoiros están abertos a todos os públicos o Concello dará prioridade ás e aos menores de 30 anos. “Queremos que a mocidade teña un espazo propio, onde non só poidan participar e desfrutar de actividades de calidade, senón tamén descubrir novas paixóns”, engadiu o edil.
Os talleres terán un prezo reducido e irase publicando a información relativa a modo de inscrición, horarios, lugares de celebración e custe nas vindeiras semanas na páxina web municipal e nas redes sociais do Concello.