Venres, 2 Maio de 2025

O Rosal organiza visitas guiadas en Semana Santa para coñecer o seu patrimonio

Natureza e patrimonio camiñan da man para desfrutar dunha Semana Santa diferente no Rosal. Sen aglomeracións, nunha contorna única e cun destino que aposta polo turismo sostible e a posta en valor do patrimonio natural e cultural, o Concello prepárase para ofrecer un ano máis visitas guiadas aos muíños do Folón e do Picón, un enclave emblemático do municipio no que historia e paisaxes se fusionan.

O Concello organiza dúas visitas guiadas durante os días centrais da Semana Santa para percorrer a ruta PRG-94, cun percorrido circular de arredor de 3,5 quilómetros. Acompañadas dunha guía experta, durante dúas horas as persoas participantes poderán coñecer o funcionamento dos muíños, así como os principais valores históricos, culturais e paisaxísticos do lugar.

A pesar de ser un percorrido curto, trátase dunha ruta con dificultade moderada debido á presenza de fortes pendentes, chan irregular e tramos con pedras e chanzos. Por este motivo, recoméndase levar calzado deportivo e roupa axeitada ás condicións meteorolóxicas.

As visitas serán o venres 18 de 17.00 a 19.00 horas e o sábado 19 de 11.00 a 13.00 horas. Haberá prazas limitadas, polo que para participar é imprescindible inscribirse previamente a través do teléfono 618029916 ou enviando un correo electrónico [email protected].

Para completar a actividade turística do Rosal durante esta Semana Santa, o Concello abrirá durante toda a semana a Oficina de Información situada no muíño número 1 do Folón, onde todas as persoas interesadas poderán afondar no que ver o do que gozar durante estes días no municipio ou na contorna.

A oficina estará aberta ao público, os días 14, 15, 16 e 17 de abril de 11.00 a 14.00 horas; o venres 18 de 16.00 a 17.00 h, antes da visita guiada; o sábado 19 de 13.00 a 14.h, xusto ao rematar a visita guiada; e o domingo 22 de 11.00 a 14.00 horas.