Domingo, 4 Maio de 2025

Nidia Arévalo e Alejandro Lorenzo visitan aos rapaces e rapazas do Club Xadrez Mos

O Club obtivo cinco medallas nos Campionatos Provinciais por Idades

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo e o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañados polo concelleiro de Deportes de Mos, José Areal achegáronse esta semana ata as instalacións do Club Xadrez Mos, no antigo Centro Cultural de Torroso, para visitar aos rapaces e rapazas xadrecistas do clube (dos que un 20% son veciños do concello porriñés) durante os seus adestramentos e aproveitaron para felicitalos polos incribles resultados obtidos nos Campionatos Provinciais, de onde trouxeron para Mos nada máis e nada menos que un total de 5 medallas.

Os Campionatos Provinciais por Idades 2022 celebráronse as fins de semana dos días 29 e 30 de xaneiro e 05 e 06 de febreiro en Vilagarcía de Arousa.

O Club Xadrez Mos enviou 49 participantes á competición e, deses 49, 23 clasificáronnse entre os 10 primeiros postos.

E, en total, conseguiron 5 medallas:

  • Javier del Valle Crespo, Ouro, en categoría Sub-14.
  • Xabier Pérez Sousa, Prata en categoría Sub-16.
  • Óscar Morales Rejas, Prata en categoría absoluta.
  • Carlos Pérez Méndez, Bronce en categoría sub-10.
  • Alex Pino Fernández, Bronce en categoría Sub-8.

Un ano máis, o Club Xadrez Mos foi un dos que enviou máis xogadores e xogadoras á competición, e dos que mellores resultados obtivo.

Liga Galega

Por outra banda, o pasado sábado 12 febreiro comezou a Liga Galega por Equipos de Club, onde están a participar 9 equipos do Club Xadrez Mos, formados por un total de 64 xogadores e xogadoras.

A competición xógase a nivel autonómico, todos os sábados, ata o vindeiro sábado 23 de abril.