Domingo, 4 Maio de 2025

O Rosal acolle un dos espectáculos o programa ‘Coñece o teu camiño’

O delegado territorial da Xunta, Luis López, e representantes da Asociación Cultural Interfolk persentaron esta iniciativa que contempla actuacións, ademais do Rosal, Barro, Portas, Catoira e Soutomaior

O Concello do Rosal acollerá, o vindeiro sábado, 7 de agosto, na Praza do Calvario, un dos seis espectáculos do proxecto Coñece o teu Camiño, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, un evento transversal que inclúe un espectáculo infantil a cargo de Barafunda Animación centrado na peregrinaxe do Camiño e o Océano Atlántico e unha actuación de folclore con música e danza tradicional que correrá a cargo da Asociación Folclórica Corisco, a Banda de Gaitas Xarabal e a Agrupación Folclórica Lembranzas Galegas.

A xira continuará no Pazo da Crega de Barro o sábado 28 de agosto, o Auditorio de Portas o domingo 29 deste mes e o Auditorio de Catoira o sábado 4 de setembro para finalizar ao día seguinte na Alameda Talo Río de Soutomaior.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e representantes da Asociación Cultural Interfolk, promotora desta actividade, presentaron onte as datas, os lugares e o contido destas actuacións no edificio administrativo de Campolongo.

“Dende a Xunta de Galicia estamos absolutamente comprometidos co Xacobeo 2021-2022 tanto pola súa importancia intrínseca como polo seu enorme valor como ferramenta de reactivación socioeconómica pola crise sanitaria da covid-19. Por elo, estamos a difundilo e a estendelo por todo o territorio da nosa comunidade, con máis de 400 eventos dende o pasado ano, para universalizar aínda máis o Camiño de Santiago e seguir favorecendo que os galegos sintan o Ano Santo como algo propio e que forma parte da nosa identidade”, sinalou o representante autonómico, que agradeceu ao colectivo Interfolk o esforzo e a calidade do seu espectáculo.

A Xunta de Galicia, a través da colaboración da Axencia de Turismo de Galicia, impulsa esta iniciativa que inclúe cinco espectáculos baseados na tradición e nas rutas xacobeas e que se desenvolverán na provincia de Pontevedra ao longo deste mes.

Todas as actuacións comezarán ás 20.00 horas e cumprirán os protocolos de protección e seguridade sanitaria fronte á covid-19 incluíndo control de accesos e aforos, rexistro de asistentes, medidas hixiénicas e emprego de máscaras, entre outras.