Martes, 8 Xullo de 2025

Gondomar recupera este verán a celebración dos Campus Deportivos

Fútbol, patinaxe artística, ximnasia acrobática, bolos celtas e fútbol gaélico son as distintas categorías deportivas que se ofrecerán este ano durante os meses de xullo e agosto

O Concello de Gondomzar, a través da Concellería de Deportes dirixida por Nuria Lameiro, recupera este verán os tradicionais campus que se viron interrompidos o pasado verán como consecuencia da pandemia. Ante a mellora da situación, e sempre cumprindo as medidas sanitarias impostas no momento da súa celebración, “queremos ofrecer opcións de tempo libre aos máis novos durante as súas vacacións fomentando á vez os hábitos saudables”.

Desde a Concellería agradécese a implicación dos distintos clubs deportivos que colaboran co departamento “na recuperación dos campus” así como aos que en anos anteriores fixérono posible “e que sabemos que cando todo volva á absoluta normalidade aí estarán”.

Os campus desenvolveranse en diferentes datas e están dirixidos a nenos/as e mozos de idades comprendidas entre os 5 e 17 anos, dependendo da actividade que se elixa. Os interesados poderanse inscribir e solicitar máis información no propio pavillón municipal ou a través do correo [email protected].