Venres, 9 Maio de 2025

Éxito rotundo do concerto en streaming de Sés no Rosal

Xa leva máis de 4.200 visualizacións na canle de Youtube da cantareira

Grande acollida do concerto da artista Sés o pasado venres no Rosal. A situación epidemiolóxica obrigou ao Concello a reinventar esta cita coa cantareira coruñesa, que finalmente se celebrou en vivo no Auditorio Municipal para un aforo reducido de persoas e vía streaming para o resto do público a través das redes sociais municipais e da canle de Youtube da cantante. Unha fórmula que acadou moito éxito: máis de 4.200 persoas xa visualizaron  o concerto, que tivo momentos nos que contou con ata 360 espectadores conectados á vez.

Máis de dúas horas de concerto nas que Sés presentou dun xeito único ‘Liberar as arterias’, o sétimo traballo discográfico da coruñesa, un disco que segue a evolucionar o seu particular son e que presenta unha escolma de doce cancións con letra e música compostas pola propia artista.

Con alternativas como esta o Concello do Rosal quere “seguir apostando pola cultura, por unha cultura aberta pero tamén segura, porque no momento no que estamos a saúde de todos e todas é o primeiro”, salienta a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández.