Nigrán

Érguete e Nigrán fomentan a empregabilidade de persoas en risco de exclusión social

Este luns, 6 de maio, tivo lugar no local do Pénjamo SunBar, na Praia de Patos, a presentación do Curso de Auxiliar de Restaurante-Bar que xestiona a Fundación Érguete-Integración en colaboración co concello de Nigrán. A esta xornada inaugural asistiu a presidenta da Fundación Érguete-Integración, Carmen Avendaño; a deputada provincial de Cohesión Social e Xuventude, Diga Rivas e o alcalde de Nigrán, Juan González.

O equipo benxamín do C.B. Nigrán, campión absoluto de liga

O CB Nigrán segue recollendo éxitos froito dun intenso traballo e dunha boa planificación. Nesta ocasión o éxito chegou da man do seu equipo benxamín, equipo formado por un total de 11 xogadores e xogadoras procedentes das escolas que o club ten nos diferentes colexios tanto de Nigrán coma de Gondomar. O equipo proclamouse campión absoluto de liga despois de gañar a semifinal e a final e de terse mantido invicto ao longo de toda a tempada.

Nigrán desenvolverá un amplo programa de actividades no mes de maio

O Concello de Nigrán vén de artellar un amplo programa de actividades para o mes de maio que permitirá que, ata o Día das Letras Galegas, veciños e visitantes poidan gozar de actividades case que diarias. O programa iníciase o día 1 de maio cun xantar, concretamente unha paella, organizada pola Comisión de Festas de Vilariño. As 18 horas e dende o cemiterio de Camos, terá lugar a saída da andaina que permitirá percorrer o que será o futuro Parque Forestal Os Matos-Río Táboas.

Nigrán abre maio cunha andaina polo futuro parque forestal 'Os Matos-Río Táboas'

O Concello de Nigrán abre a programación cultural do mes de Maio cunha andaina este mércores 1 polo futuro parque forestal Os Matos-Río Táboas (entre Camos e Chandebrito). Guiada polo educador ambiental Antón Lois, o roteiro comezará ás 18:00 horas saíndo dende o Cemiterio de Camos (rúa do Sobral) e constará dunha tradicional muiñada. Trátase dunha andaina de pouca dificultade cuxa duración non sobrepasará as dúas horas, sendo recomendable levar calzado axeitado e auga.

A programación cultural do Concello continuará o venres co concerto de A Banda da Loba ás 20:00 no Auditorio Municipal e ao día seguinte, sábado 4, con andaina e visita guiada por Chandebrito (19:00 horas dende o campo de fútbol) e posterior concerto do coro Gli Appasionati no Bosque da Memoria (21:00 horas). O domingo o Concello ofrece a actuación do monologuista Carlos Blanco no Auditorio Municipal ás 20:00, o evento servirá para recadar cartos para Baisenpulgas a través dun donativo de 5 euros por asistente.
O resto do mes o Concello ofrece o teatro infantil 'O misterioso caso de Antón Fraguas' na Praza do Concello ás 17:00 horas ou o concerto da Coral Novos Aires e Cantares do Brion o venres 17 no Auditorio Municipal ás 20:00 horas (ese mesmo día celebrarase pola mañá a XXX Festa da Bicicleta). Ademais, o domingo 12 o Concello colabora co concerto solidario Juan María no Pazo de Cea e co Rally Rías Baixas o 18 de abril.

Suscribirse a este canal RSS