O C.B. Nigrán, campión da fase de ascenso senior

O equipo Sénior masculino do C.B. Nigrán proclamouse, o pasado día 1 de xuño, campión da Fase de Ascenso, conseguindo así unha praza na Segunda División para a próxima tempada. Os de Nigrán conseguían dar este importante paso a falta dunha xornada, na que mañá sábado enfrontaránse ao Salesianos Vigo, sendo ata o de agora o único equipo invicto. 

O equipo nigranense tivo a opción de xogar esta fase de ascenso ao proclamarse campión de liga en terceira división. Esta é a segunda tempada que o C.B. Nigrán conta con categoría sénior desde que o Club volveu á competición, tras un período de nove anos de inactividade.

O equipo está formado por 13 xogadores entre os que se atopan algúns que deron os seus primeiros pasos, sendo tan só uns nenos, nas filas do C.B. Nigrán fai agora case 20 anos. Ao encontro desta tarde asistiron o alcalde de Nigrán Juan González e o concelleiro de deportes Luís Sanromán que felicitaron ao equipo por todos os éxitos obtidos esta tempada. Cómpre salientar que o C.B. Nigrán convertuse nesta tempada no mellor equipo galego en categoria senior polo balance de vitorias.

Os e as peques únense á festa
Xa postos, e por iso de non ser menos, peques da categoría benxamín quixeron sumarse a festa recollendo, ao día seguinte, o trofeo que os acreditaba como campións de liga despois dunha exitosa tempada na que, o conxunto nigranés, resultou invicto nos 11 partidos disputados aos longo da tempada, tanto na liga regular como na final A4.

cb nigran benxamins 2019

O equipo está formado por un total de 11 xogadores e xogadoras que proveñen das escolas deportivas que o CB Nigrán ten nos diferentes colexios dos municipios de Nigrán e Gondomar. Trátase de nenos e nenas que, despois de recibir unha formación inicial dentro das actividades que o club leva a cabo nos propios centros educativos, decidiron dar o paso a federarse e empezar así a competir na liga correspondente.

O equipo foi dirixido ao longo de toda a tempada por Victor Alonso e María Fernández, xogadora do equipo junior, dúas apostas do club dentro da súa filosofía de formar adestradores da canteira.