O Goberno de Nigrán apremia ao equipo redactor a axilizar a tramitación do PXOM

O goberno de Nigrán reuniuse esta mañá con Alfonso Botana, arquitecto responsable da redacción PXOM no municipio, para axilizar a tramitación do documento despois da paréntese electoral da corporación, xa que se trata dunha dunha cuestión prioritaria e urxente para o Concello. Neste encontro, o equipo técnico confirmou que confía en ter resoltas antes de finais de ano tódolos requerimentos, incluído o de Patrimonio que está sendo xa informado, tal e como hoxe foi confirmado dende a Xafatura Territorial da Consellería de Cultura e Turismo.

"Non me gusta dar datas concretas porque sería moi aventurado, pero o documento está nunha fase moi avanzada que permite garantir con toda seguridade a súa aprobación nos vindeiros dous anos. É unha moi boa noticia saber que o informe sectorial máis complexo está sendo xa informado, algo que é de agradecer á Consellería porque nos permite ser optimistas nos prazos", explica Juan González, alcalde en funcións, quen recalca que "o PXOM é un documento que debe estar consensuado entre toda a corporación, non só entre a maioría".