O C.B. Nigrán prepara o seu 'III ColeBasket'

O Club Baloncesto Nigrán, dentro da súa liña de fomentar a práctica polo baloncesto, vén de organizar xa unha nova edición do ColeBasket, o torneo interescolar de baloncesto no que participan nenos e nenas de diferentes colexios do municipio e que, con esta, chega xa a súa terceira edición. A cita terá lugar o vindeiro 8 de xuño no Pavillón Municipal de Panxón onde se habilitarán tres pistas que permitan desenvolver esta auténtica festa do baloncesto.

Pero que as cousas saian perfecta, non é cuestión de sorte, senón de decicarlle moito tempo e traballo. Conscientes dese feito, a dirección deportiva do C.B. Nigrán leva xa moito tempo traballando coas direccións deportivas dos centros educativos así como co profesorado especialista en educación física, de cara a dinamizar as inscricións e que, dese xeito, os nenos e nenas poidan participar no torneo.

Así pois, neste III ColeBasket poderá participar o alumnado do Carlos Casares, Cruz Camos, Humberto Juanes, Mallón e Arquitecto Palacios, é dicir, a totalidade dos colexios de Nigrán.

A inscrición está aberta a todos os alumnos e alumnas independentemente de que xoguen ou non ao baloncesto. Os partidos serán arbitrados polos xogadores das categorías superiores do C.B. Nigrán.