Érguete e Nigrán fomentan a empregabilidade de persoas en risco de exclusión social

Este luns, 6 de maio, tivo lugar no local do Pénjamo SunBar, na Praia de Patos, a presentación do Curso de Auxiliar de Restaurante-Bar que xestiona a Fundación Érguete-Integración en colaboración co concello de Nigrán. A esta xornada inaugural asistiu a presidenta da Fundación Érguete-Integración, Carmen Avendaño; a deputada provincial de Cohesión Social e Xuventude, Diga Rivas e o alcalde de Nigrán, Juan González.

O acto comezou coa intervención de Carmen Avendaño, quen quixo dar a benvida ao curso ao alumnado e dar as grazas pola súa colaboración ao Concello de Nigrán e á Deputación de Pontevedra. Ademais, tamén quixo trasladar ás persoas participantes que máis alá da oportunidade de formación, "nestas iniciativas sempre nace un espírito de compañeirismo moi importante".

A continuación tomou a palabra Digna Rivas, quen afirmou que iniciativas como estas "contribúen á igualdade de oportunidades entre as persoas, algo moi difícil de levar a cabo sen as accións de entidades como a Fundación Érguete-Integración".

erquete cursos nigran 02

O último en intervir foi Juan González, alcalde de Nigrán, que agradeceu a financiación da Deputación e a labor da Fundación durante estes 20 anos, l"evando a cabo formacións como estas que buscan axudar ás persoas a lograr a súa inserción no mercado laboral".

O curso de Auxiliar de Restaurante-Bar, que terá lugar do 6 de maio ao 7 de xullo en Nigrán, formará a persoas que se atopan en busca activa de emprego para que podan adquirir as competencias necesarias para favorecer a súa incorporación ao mercado laboral no ámbito da hostalaría. Esta acción ten un total de 200 horas de formación, das que 80 son prácticas non laborais en empresa. Polo tanto, o alumnado recibirá unha completa formación teórica e práctica co obxectivo de contribuír á súa inserción laboral.

Este Programa Formativo encádrase no proxecto Emprego Inclusivo promovido pola Deputación de Pontevedra e desenvolvido coa colaboración do Concello de Nigrán. A iniciativa está pensada para mellorar a empregabilidade das persoas en risco de exclusión social, facilitando a súa incorporación ou reincorporación ao mercado laboral, mediante formación ou capacitación técnica e prácticas en empresa e Itinerarios Individualizados de Inserción; que engaden á formación, os servizos de orientación e intermediación laboral.