Nigrán pide á Xunta a cesión da rúa Otero Pedrayo "para poder reparala unilateralmente"

O Concello de Nigrán solicitará á Xunta que lle ceda a titularidade da rúa Otero Pedrayo "para poder reparala dende o consistorio" ante a "nula resposta da Consellería de Infraestruturas e a desesperación dos veciños", que seguen a transitar por unhas beirarrúas en estado calamitoso sendo, sen dúbida, as peores de todo o municipio. A situación de desleixo é tal que a corporación ao completo aprobou unha moción do goberno en xullo de 2016 "pedíndolle á Xunta que arranxase o vial para despois cederlle a tituridade ao Concello e que este poida realizar o mantemento".

rua otero pedrayo 06

"Non podemos emprender obras se non é nosa –sinala o alcalde Juan González–. Dende o Concello propuxemos distintos convenios de colaboración e chegamos a entregarlle en agosto de 2017 á conselleira Ethel Vázquez unha memoria valorada que cifraba a actuación en 634.000 €, a resposta que recibimos dende entón foi nula, polo que entendemos que non teñen a mínima intención de emprender obras; non nos queda outra alternativa que pedir a cesión de toda a PO-3330 no estado deplorable no que se atopa actualmente e cumprir nos coa súa obriga", suliña o alcalde, quen deu órdenes ao departamento de Urbanismo para que inicie a petición ante a Xunta.

Esta estrada autonómica que une as parroquias de Nigrán e Panxón acumula decenas de denuncias dos veciños debido a lesións e accidentes. Ademáis, resulta imprescindible a reparación do seu firme, o pintado do mesmo e a instalación de medidas correctoras de velocidade para evitar accidentes, así como o arranxo na rede de saneamento e pluviais. "É algo urxente e prioritario para Nigrán", insiste González.