900 escolares, no XVII Cross Escolar do Val Miñor organizado polo Concello de Baiona

O alcalde de Baiona, Ángel Rodal Almuíña, coa concelleira de Deportes, María Jesús Martíns Passos e o xefe de servizos para o Deporte, Daniel Benavides O alcalde de Baiona, Ángel Rodal Almuíña, coa concelleira de Deportes, María Jesús Martíns Passos e o xefe de servizos para o Deporte, Daniel Benavides

O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, acompañado polo xefe de servizos para o Deporte da Xunta de Galicia, Daniel Benavides e a concelleira de deportes, María Jesús Martíns Passos, presentou na mañá de hoxe, no salón de Plenos do Concello de Baiona, a XVII Edición do Cross Escolar do Val Miñor que se celebrará o vindeiro domingo día 17 de Xaneiro, a partir das 10:45 h, no antigo campo de fútbol de Santa Marta, en Sabaris, Baiona. Na proba participarán máis de 900 escolares do Val Miñor así como de Vigo e da súa área metropolitana.

A proba ten carácter oficial e clasificatorio para o Cross Escolar Provincial e está organizado pola Dirección Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e a Concellería de Deportes do Concello de Baiona.

O xefe de servizos para o Deporte, Daniel Benavides sinalou, na presentación do evento, que se trata "dun referente para instaurar noutros lugares. A participación é altísima polo que agradezo á Concellería de Deportes de Baiona todo o traballo realizado para que os nenos poidan gozar da proba deportiva", mentres que o alcalde de Baiona, Ángel Rodal Almuíña, destacaba a importancia de que "os máis pequenos practiquen deporte e esta proba é unha oportunidade magnífica para que entren en contacto con el".

As distancias e percorridos a lograr polos atletas diferéncianse por categorías que serán as de Chupetes, prebenxamíns, benxamíns, alevíns, infantís e cadetes tanto nas categorías masculinas como femininas.