Exposición 'Vento nas velas' de Xurxo Lobato en Baiona

Dende este sábado 8 de xuño ata o vindeiro 7 de xullo ámbolos dous inclusive, veciñanza e visitantes poderán gozar, no marco incomparable do paseo Ribeira de Baiona, da exposición fotográfica 'Vento nas Velas' do fotógrafo Xurxo Lobato. A mostra, organizada pola Deputación de Pontevedra en colaboración co Concello de Baiona, está composta por cinco grandes cubos expositivos de carácter didáctico, pensada para achegar ao público a cultura marítima da nosa provincia.

O obxectivo é poñer en valor esta área do patrimonio galego, empregando como medios, textos e fotografías, as publicadas no 2017, no libro da mesma autoría 'Vento nas Velas'. A exposición compleméntase cun concerto denominado 'Música nas Velas, un espectáculo musical no que participarán Xurxo Souto, o Orfeón do Berbés e máis artistas convidados. Dito concerto está previsto nos xardíns da Casa da Navegación de Baiona o vindeiro domingo 16 de xuño ás 19:30 h.