Baiona amosa a beleza da Foz do Miñor cunha visita guiada

O departamento de medioambiente do Concello de Baiona xunto co Obradoiro de Emprego Valmiemprega III, levaron a cabo unha visita guiada arredor do espazo protexido da Foz do Miñor, co gallo da celebración do Día Europeo da Rede Natura 2000, xa que este lugar está dentro de dita rede coa denominación de LIC (Lugar de Importancia Comunitaria) e ZEC (Zona de Especial Conservación) coa denominación da Ramallosa.

En total foron 30 participantes aos que se lles deu a benvida no centro de interpretación da Foz do Miñor no Centro Antena de Sabarís, onde se lles deu unha introducción sobre os aspectos máis salientables deste lugar. A continuación iniciouse un percorrido a través do paseo que o circunda facendo diversas paradas para ver a flora, a fauna e os ríos que forman a marisma.

Continuou o itinerario ata a punta de flecha da Ladeira para observar outra perspectiva e continuar coa explicación sobre a formación deste curioso lugar. Finalizou a visita a través da praia da Ladeira ata a zona de recuperación dunar, transmitíndolles aos asistentes a necesidade de preservar os valores naturais do espazo protexido para vindeiras xeracións.