Baiona abre a inscrición para a 'Escola de Verán 2019'

O Concello de Baiona vén de anunciar a apertura do prazo de inscrición para solicitar praza na Escola de Verán 2019, unha iniciativa dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos que se desenvolverá ao longo do mes de xullo, de luns a venres (agás o xoves 25 de xullo ) de 8:00 h a 15:00 h. no CPI Covaterreña e no CEP de Sabarís. Para unha maior facilidade de conciliación das familias, o Concello habilita a flexibilidade no horario tanto de entrada (de 8:00 h a 9:15 h) coma no de saída (de 13:45 h a 15:00 h).

A Escola de Verán ten como obxectivo xeral “facilitar ás familias do municipio un recurso para conciliar a vida laboral, persoal e familiar, establecendo un servizo sociocomunitario que mellore a calidade de vida do territorio, potenciando ademais a optimización de recursos a través da utilización dos centros educativos municipais fóra do horario lectivo”. Ofértanse 120 prazas e as persoas interesadas poden solicitar praza ata o venres 24 de maio.

As bases que rexen a convocatoria pódense recoller no Centro Municipal de Información á Muller, no rexistro do Concello de Baiona ou descargalas da páxina web do concello. Para máis información poden contactar no 986 357 554. 

A actividade é cofinanciada polas familias participantes, o Concello de Baiona e a Deputación de Pontevedra, a través do Plan Concellos 2019.