Baiona adhírese ao programa de compostaxe doméstica de Sogama

O Concello de Baiona dispón de tres centros de compostaxe domiciliaria que xa están a funcionar hai varios anos e para seguir na liña da compostaxe e así xerar menos residuos na rúa, acaba de adherirse ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, ao que xa están adscritos 180 concellos das 4 provincias galegas, e que pon ao dispor dos concellos galegos composteiros individuais.

A solicitude do Concello de Baiona, SOGAMA forneceu 50 composteiros individuais de 400 litros de capacidade e fabricados en materiais reciclados e reciclables, manuais didácticos de apoio destinados ás familias participantes. O Concello fará un seguimento dos composteiros para comprobar que a súa utilización é a correcta nos seus domicilios.

O obxectivo desta iniciativa é poñer en valor a materia orgánica mediante a súa conversión en compost, un fertilizante natural con excelentes propiedades para o chan pola súa achega de nutrientes e a súa capacidade de preservalo de pragas e enfermidades.

SOGAMA tamén proporciona manuais didácticos destinados aos usuarios e nos que se explica a técnica para levar a cabo, onde colocar o composteiro, que materiais deben e non deben ser depositados no mesmo, como controlar parámetros de gran importancia tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade e como actuar #ante posibles incidencias.

O Concello de Baiona, a través do seu mestre composteiro, encargarase de realizar o correspondente seguimento para resolver as dúbidas presentadas polos participantes e corrixir posibles erros.

Os requisitos para poder optar a un dos 50 composteiros diponibles son ser maior de idade, estar empadroado no concello de Baiona e dispoñer dun terreo –horta ou xardín– no que aplicar o compost resultante, pechando así o círculo da súa recuperación e aproveitamento en forma de abono.

As claras vantaxes da compostaxe
Ao reciclar a materia orgánica nas propias vivendas, que supón en torno ao 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, evítase o seu depósito nos contendores verdes convencionais, propiciando así unha diminución da frecuencia de recollida e transporte do lixo por parte dos servizos municipais e, por tanto das emisións de CO2.

Igualmente ao reciclar a materia orgánica en orixe, diminúen os desprazamentos que os cidadáns deben realizar aos contedores de recollida selectiva restantes, xa que os materiais como o papel/cartón e os envases poden almacenarse varios días en casa sen risco de cheiros.

Cómpre lembrar que o Concello de Baiona está adherido igualmente desde hai anos ao Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra con 3 composteiros comunitarios que funcionan con éxito na praza Michele Lescure no barrio de Vos Tendais, na rúa Burgo e no Camiño do Carme en Sabarís.

Con esta iniciativa desde a Concellería de Medio Ambiente apostamos totalmente polo compost, tanto en zona urbana como rural, de aí esta nova experiencia cos composteiros. Para a solicitude dos mesmos deberán chamar ao teléfono 986 385 919 e informaráselles sen compromiso algún.