A Xunta conclúe a pavimentación do CPI Cova Terreña en Baiona

A O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, acompañado polo aclalde de Baiona, Ángel Rodal; o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares e a concelleira de Ensino, Beatriz González,  achegouse hoxe ata o CPI «Cova Terreña» en Baiona coincidindo coa finalización das obras de pavimentación proxectadas neste centro escolar pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Unha intervención á que o departamento autonómico destinou máis de 42.000 euros e que consistiu na reforma dos espazos que ten o centro ao aire libre.

Segundo explicou o delegado, con esta actuación o departamento autonómico deu resposta a unha demanda da dirección do centro que argüíu que o pavimento atopábase moi degradado polo paso do tempo, impedindo un desenvolvemento axeitado das actividades escolares, deportivas e de lecer. As obras, cun prazo de dous meses de execución finalizaron xusto para o inicio do actual curso escolar.

CovaTerrenha pavimentado 02

A intervención supuxo a construción de novas soleiras de formigón armado cun espesor de 15 centímetros, con mallazo e fibra de polietileno, pulido posteriormente mediante fratasadora mecánica, con incorporación de cuarzo e acabado natural. Previamente, executáronse as obras necesarias para a recollida de pluviais e a súa condución ao aliviadeiro.

López-Chaves fixo fincapé "no esforzo inversor da Consellería en melloras nos centros educativos desta localidade pontevedresa con preto de 1 millón de euros desde o 2009".

O delegado territorial, que comprobou a correcta finalización dos traballos tivo tempo para departir coa dirección do centro e o cadro de profesorado, así como coa Asociación de nais e pais de alumnos, “moi agradecidos –dixo– cos novos patios do centro”.