En só dous anos o Camiño Portugués da Cosa quintuplicou o número de peregrinos

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, acompañados polo alcalde de Baiona, Ángel Rodal Almuíña e o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, realizaron esta mañá unha andaina polo Camiño Portugués da Costa promovida por este concello pontevedrés coa que conmemoraron o segundo aniversario do recoñecemento oficial desde itinerario xacobeo, que se fixo efectivo coa entrada en vigor da Lei do patrimonio cultural de Galicia en agosto do ano 2016.

"Quixemos rememorar o segundo aniversario da celebración do Camiño Portugués pola Costa, declarado como Camiño de Santiago, un itinerario que percorre este marabilloso entorno no que se pode gozar da zona costeira", sinalaba a directora da Axencia de Turismo Nava Castro quen subliñaba os traballos que se están a realizar de sinalización definitiva "tanto no Camiño Portugués da Costa como no Camiño Portugués". Para dinamizar estas rutas, dótase ás mesmas dun atractivo contido cultural dentro do programa denominado «Vive o Camiño» e que, como lembraba Nava Castro "mañá mesmo desenvolverá unha actuación en Redondela que busca poñer en valor o propio Camiño Portugués".

camino portugues nava01

A responsable de Turismo de Galicia salientou o feito de que, en tan só dous anos, o Camiño Portugués pola Costa foi quen de "multiplicar por cinco o número de peregrinos que o percorren, ao pasar de 1.474 persoas en 2015 as preto de 8.000 que o realizaron xa neste 2018. Dáse así a circunstancia de que en só oito meses se teña xa superado o volume de todo o ano 2017", engadiu Nava Castro

O alcalde de Baiona, Ángel Rodal recoñecía que a data de hoxe "é moi importante para nós" e lembraba que o Concello de Baiona leva dous anos traballando ─dende que a ruta do Camiño Portugués pola Costa foi recoñecido como Camiño de Santiago─ "para darlle o maior realce posible xa que ten unha paisaxística envidiable".

Rodal chamaba a atención sobre o «cambio de tendencia» no que fai referencia á procedencia dos peregrinos xa que "no primeiro ano, os portugueses eran os máis numerosos e, neste ano, o maior número e de peregrinos italianos". O alcalde de Baiona apuntou que "o 78 % dos peregrinos que percorren esta ruta son extranxeiros", e engadiu o dato que logo dos italianos, os máis numerosos eran os portugueses, alemáns, irlandeses e logo estadounidenses e irlandeses.

camino portugues nava03

"Para nos é un pracer ver a todas estas persoas pasar polo noso municipio", afirmou Ángel Rodal quen explicou que esa afluencia de peregrinos dalles folgos para seguir taballando "con iniciativas públicas como privadas, como os dous albergues que temos nestos momentos, para darlles a mellor acollida, os mellores servizos e o maior calor a estes peregrinos e que, logo de unha forma directa visitándonos, e indirecta falando de nós nos seus lugares de orixe, dar pe a que nos veñan a visitar moitos máis".

O certo é que a vitalidade desta ruta xacobea e o interese que esperta nos camiñantes que peregrinan desde o sur da Comunidade queda refrendada polos números dos que sempre se di que non minten: na actualidade, é o sexto itinerario máis percorrido do Camiño de Santiago ─nunca se debe esquecer que tan só ten dous anos de «vida oficial»─ e concentra o 3,7% dos camiñantes, fronte ao 0,56% de hai tres anos.