O Concello de Tomiño vén de adxudicar a colocación dunha caldeira de biomasa e un novo sistema de iluminación LED que permitirán mellorar substancialmente a eficiencia enerxética da Casa Consistorial e reforza a aposta do Concello tomiñés pola eficiencia enerxética e as enerxías limpas. Tomiño convértese nun dos primeiros Concellos de Galiza en gozar deste tipo de equipamentos.
A empresa adxudicataria (Termocalor Vigo S.L) será a encargada de executar as obras nun prazo de 5 meses, de ‘Mellora da eficiencia enerxética do Concello de Tomiño’, por importe total de 83.472,71 €, cofinanciados cunha subvención do IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro Enerxético), dentro das axudas a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono, no marco do Programa Operativo FEDER de Crecemento Sostible 2014-2020.
Ditas obras consistirán na optimización do consumo enerxético mediante a substitución da caldeira de gasóleo C de 110 Kw, por unha de biomasa de 108 Kw de potencia, alimentada con biocombustibles, para subministro de calefacción e instalación de luminarias LED. cun prazo de execución de 5 meses.
A caldeira de biomasa estará dotada dunha flexibilidade máxima nos posibles combustibles (pellets, oso de oliva, astillas ata G50/W40, agropellets, etc.), así coma dun sistema de autolimpeza con parrilla de alta alleación, acendido de alto rendemento e baixo consumo.
Nesta liña, o concelleiro de Servizos Públicos e Eficiencia Enerxética, Lois Vázquez, explicou que “coas novas obras obterase un aforro de moi significativo, ademais de apostarse por unha das enerxías limpas do presente e do futuro, conseguindo mellorar substancialmente a eficiencia enerxética do edificio municipal, e avogando polo uso das enerxías renovables nos espazos públicos”; tema no que o goberno municipal vén traballando varios anos.