Sábado, 25 Xaneiro de 2025

Preto de 40 veciños e veciñas da Guarda piden unha Comunidade de Montes “democrática e transparente”

Preto de 40 veciños e veciñas da Guarda veñen de constituir a plataforma veciñal ‘Afectadxs pola Comunidade de Montes en Man Común da Guarda’ como xeito de “visibilizar” o conflito veciñal que, segundo a recen constituida plataforma, existe arredor da Comunidade de Montes da Guarda, “onde a sua directiva leva anos negando sistematicamente a entrada de novos comuneiros”.

Asegura a Plataforma que a súa única reivindicación “é a de poder xestionar o monte comunal como calquera outro veciño ou veciña desta parroquia de cara a conseguir –aseguran– que a Comunidade de Montes da Guarda “sexa democrática, transparente e participativa, onde calquera veciña ou veciño poida participar na xestión do monte”.

Fan un chamamento a todos os veciños e veciñas a que soliciten a alta como novos comuneiros e comuneiras e ofrecen a súa axuda e asesoramento “se así o necesitaren”.