8.7 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeUltimas NoticiasPoesía, música e o talento das máis pequenas e pequenos enchen de...

    Poesía, música e o talento das máis pequenas e pequenos enchen de cor o Día de Rosalía na Sede da Deputación de Vigo

    Un mapping proxecta na fachada da sede e noutros sete concellos a imaxe da autora cunha cita de “Lieders”, considerado o primeiro manifesto feminista e publicado en Vigo

    Os versos de Rosalía de Castro encheron esta tarde de maxia e poesía o Casco Vello de Vigo desde a sede da Deputación, situada moi preto dos talleres de Juan Compañel nos que se imprimiu en 1863 Cantares Gallegos. A autora galega máis universal foi homenaxeada no 184º aniversario do seu nacemento nun emotivo acto que contou coa música en directo de Uxía Senlle, a lectura por parte de Anna R. Figueiredo do manifesto da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega que recorda e enxalza á poetisa e novelista, o recitado dos seus poemas a cargo de rapazas e rapaces do CEIP Altamar, e a imaxinación e o talento artístico dos pequenos e pequenas da provincia expresados nos mil traballos presentados ao concurso de debuxo “A nosa Rosalía”.

    A imaxe da poetisa, acompañada dunha cita do seu texto Lieders, considerado o primeiro manifesto feminista de Galicia e publicado en Vigo en 1858, foron proxectados na fachada da sede tralo acto, ao igual que se fixo no Pazo Provincial, sede da Deputación en Pontevedra, e nos concellos de Silleda, Caldas, Bueu, Salvaterra, Oia e O Rosal.

    O acto de conmemoración do Día de Rosalía, ao que Uxía Senlle puxo melodía coa interpretación de tres pezas, –a primeira delas “Rosalía pequeniña”, seguida de “Bos amores” e “Deiche o corazón na mán”– celebrouse na sala principal da sede viguesa, que leva precisamente o nome da escritora. Alí estaban presentes figuras do mundo da cultura, a política e o tecido social da cidade e a área metropolitana xunto á presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde Abel Caballero. “Rosalía é o epítome da muller galega adiantada ao seu tempo. Loitadora, inconformista. É a nosa referencia como pobo, está máis presente que nunca, e o seu pensamento é noso pero tamén universal”, proclamou a máxima responsable da institución provincial, que cualificou de “emocionante celebrar este acto nesta sala que homenaxea a Rosalía, nesta sede na que todos os espazos levan nome de muller, e tan preto do lugar no que se imprimiu Cantares Gallegos”.

    A presidenta reivindicou á gran figura das letras galegas como pioneira do feminismo e comprometida coas causas sociais. “Temos a sorte de ser un pobo cunha muller como símbolo. Rosalía foi feminista, amaba á súa terra e denunciaba as inxustizas, pero tiña unha mirada optimista sobre Galicia. Hoxe celebramos o día do seu nacemento, e tamén a súa vida e obra. Representa o noso pobo, a nosa lingua, e o noso pensamento”, destacou Carmela Silva.

    O alcalde de Vigo, Abel Caballero, resaltou na súa intervención que “cada vez que alguén le a poesía de Rosalía, fai que estea viva, e deste xeito fai tamén que siga para sempre connosco”. O rexedor sinalou que a escritora galega e universal “deixou a súa profunda pegada na historia deste país expresando o que sentía por esta terra, a querencia polo seu lugar de nacemento, cantando ás súas fontes e ríos, por iso é parte da nosa forza e todas e todos somos Rosalía”. Caballero felicitou á Deputación pola celebración do acto e lembrou que en Vigo publicouse a obra que “cambiou para sempre na nosa historia” e deu orixe ao Rexurdimento.

    Pola súa banda, a deputada de Lingua, María Ortega, subliñou que “é preciso poñer en valor o compromiso e amor pola terra de Rosalía, unha pioneira do feminismo que se alzou como unha voz forte e firme”. A deputada avanzou que a institución provincial desenvolverá diversas iniciativas nos concellos “enxalzando a figura de Rosalía, a súa obra e a súa loita”.

    “Un acto de rebeldía”!

    A escritora Anna R. Figueiredo deu lectura ao manifesto co que este ano a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora o Día de Rosalía, e que ela elaborou. “Ser Rosalía é un acto de rebeldía, é unha acción política. Cada mirar nos ollos fire como cen saetas. Non precisamos máis, só mirar, Quen mira a obra de Rosalía entende a muller de vangarda que hai detrás dela, a insubmisa, a creadora de pensamento, a inconformista, a muller valente que elixe a palabra para loitar contra a inxustiza e crear un país sublime”, subliñou.

    Lectura de versos e premios

    A Deputación quixo que as rapazas e rapaces foran protagonistas do Día de Rosalía e un dos momentos especiais transcorreu durante a lectura por vía telemática de versos da escritora por parte de Maia Leirós, Alba Santamaría, Zoe Gameiro, Roi Lamas, e Daniela Camiña, cinco alumnas e alumnos do CEIP Altamar de Vigo, xunto aos que participou no acto a súa mestra Olaia Saborido. A presidenta Carmela Silva resaltou que “os rapaces e rapazas son herederos e herederas da nosa lingua e da nosa cultura, e desde a Deputación queremos deixarlles como legado o pobo que somos e a grande muller que é Rosalía”.

    O concurso infantil “A nosa Rosalía” recibiu preto de mil debuxos desde 4o centros e 20 concellos e amosan a magnífica resposta recibida por parte das e dos escolares e os seus mestres e mestras a esta iniciativa. A deputada provincial de Cultura, Victoria Alonso, deu a coñecer a lista de gañadoras e gañadores destes premios, que consistirán en agasallos para os e as galardoadas e os seus centros. Na categoría “Campaniñas”, para escolares de 6 a 8 anos, o premio especial foi para Nicolás Coronel, do CEIP Carballal de Cabral (Vigo), e se seleccionaron os traballos de Pablo Pereira Barreiro, do CEIP Nosa Señora das Dores (Forcarei); Teba Martínez Sanmartín, do CEIP Pintor Laxeiro (Vigo) e Clara Montenegro, do CEIP Chano Piñeiro de Gondomar. Na categoría “Airiños”, de 9 a 11 anos, levou o premio especial Malena Jamardo Cravello, do CEIP Alfonso VII Caldas de Reis e seleccionáronse os debuxos de Nerea Alonso, do CEIP Carballal de Cabral (Vigo); Nuria Figueira, do CEIP San Martiño de Salcedo (Pontevedra) e Érika Rodriguez Alvarez, do CEIP Sobrada (Tomiño). A maiores, tamén conseguiu un primeiro premio Álex González, do Centro de Educación Especial de Vilagarcía.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.