20 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeUltimas NoticiasO Pleno de Mondariz aproba os convenios de cooperación coas entidades locais...

    O Pleno de Mondariz aproba os convenios de cooperación coas entidades locais de Vilasobroso e Queimadelos

    O Concellocumpre as obrigas legais coas entidades locais menores

    O Pleno municipal aprobou os convenios polos que se establecen as relacións de cooperación e coordinación entre o Concello de Mondariz e as entidades locais menores de Vilasobroso e Queimadelos, froito da vontade e do traballo de negociación do Goberno municipal para dar unha solución a unha demanda histórica relacionada co cumprimento da Lei de Administración Local de Galicia.

    Vilasobroso e Queimadelos levaban décadas demandando o cumprimento da Lei de Administración de Galicia no que respecta á recadación da porcentaxe mínima dos impostos devindicados polo Concello no ámbito territorial de cada entidade local menor, cos votos favorables dos concelleiros e das concelleiras do BNG, PSOE, Alternativa por Mondariz e Ciudadanos, e as abstencións do PP.

    Durante a sesión plenaria do venres, 28 de xaneiro, a Alcaldía autorizou a intervención dos presidentes das entidades locais menores de Vilasobroso e de Queimadelos para que dirixiran un alegato á Corporación Municipal antes da votación, como partes institucionais interesadas neste asunto. Alexandre Estévez, presidente da Xunta Veciñal de Vilasobroso, expuso diante do Pleno que o dereito das entidades locais menores a percibir alomenos o 25% dos impostos municipais recadados no territorio está recoñecido por leis de 1985 e 1997, e que non é un dereito que se deba discutir no seo da Corporación.

    Por outra banda, destacou que non se trata de ningún privilexio respecto a outras parroquias que non están constituídas como entidades locais menores, xa que implica asumir unha serie de competencias de administración local de recursos e mesmo servizos públicos. Sandra Queimadelos, presidenta da Xunta Veciñal de Queimadelos, afondou precisamente na problemática de ter que xestionar como entidade local menor unha traída de auga sen recursos financieiros suficientes e sen posibilidade de solicitar axudas públicas.

    “Formalizar a relación entre o Concello de Mondariz e as entidades locais menores a través destes convenios é un paso histórico. Non só se trata de cumprir a lexislación vixente, senón de dar solución a problemas estruturais que se foron aparcando durante as anteriores lexislaturas e que, como é o caso, pasaron mesmo polos xulgados”, comentou Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz, en referencia á demanda xudicial que iniciou a entidade local menor de Vilasobroso en 2019, antes de rematar a pasada lexislatura, contra o Concello de Mondariz por este asunto.

    Os convenios de colaboración e coordinación aprobados, con todo, están concebidos como convenios de mínimos. O obxectivo principal é que funcionen como marco legal básico para nun futuro, en función da experiencia e da vontade político-administrativa das partes interesadas, ampliar as competencias.

    Unha vez aprobados polo Pleno da Corporación Municipal do Concello de Mondariz, estes convenios de colaboración e coordinación pasarán polo Pleno da Xunta Veciñal de Vilasobroso e de Queimadelos, onde está prevista a súa respectiva aprobación.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.