11.5 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeUltimas NoticiasO Pleno provincial da luz verde "ao orzamento máis transformador da historia...

    O Pleno provincial da luz verde “ao orzamento máis transformador da historia da Deputación”

    Carlos Font: “Esta provincia avanza como nunca tiña feito. Dino os sectores produtivos, dino a cidadanía e dino os concellos, tamén os que goberna o PP”

    Cos votos do PSDG-PSOE e do BNG, o pleno da Deputación deu luz verde ao orzamento para 2021, “o máis transformador e o de maior investimento de toda a historia da institución”, como sinalou Carlos Font. “Somos a administración provincial que máis transfire aos concellos, a que máis transforma e a que ten unha idea clara de provincia, unha provincia, engadiu, que avanzou nestes anos como nunca tiña feito. Dino os sectores produtivos, dino a cidadanía, e dino os concellos, tamén os que goberna o PP”. O deputado, que recordou que non houbonin unha soa alegación ao documento, e só dúas reclamacións sindicais á RPT”, subliñou que “xamais nesta Deputación houbo unha proposta similar a este orzamento que aposta por un modelo sustentable, pola mellora da vida da xente, pola dixitalización, polo turismo, pola igualdade e pola atención e inversión en todo o territorio”. “Poden insistir en todos os debates que desexen, dixo Font ao PP, pero os datos están aí e son imposibles de cuestionar”.

    Carlos López Font durante o debate plenario dos orzamentos

    Pola súa banda o voceiro do BNG, César Mosquera criticou que o PP provincial “estea máis preocupado por tapar as costas á Xunta que polo mundo local” e neste senso achacou aos populares que en lugar de presentar alegacións ao orzamento fagan “unha arremetida fora de lugar” contra o Goberno provincial para esixir cuestións que son competencia do autonómico. “Quen ten competencias en materia de  fomento de emprego e economía é a Xunta, nós ningunha”, sinalou, lembrando que a Consellería de Política Social, por exemplo, só se leva o 7% do orzamento da Xunta, “e nos veñen a pedir que dediquemos moito máis”. Subliñou que a Deputación está a garantir a autonomía local e os investimentos nos municipios a través do Plan Concellos. “Esta Deputación exerce as competencias que ten, non hai fondos opacos ou de libre disposición –dixo-. Terán que ser os concellos os que digan se utilizan parte dos fondos para paliar os efectos da pandemia en certos sectores e non esta Deputación, que prefire que sexan os concellos os que o decidan. Non se nos pode achacar absolutamente nada”.

    Xa no debate, Carlos Font lamentou a decisión do PP de votar en contra. “É inaudito, dixo, porque votando en contra, votan vostedes en contra de todo o que supón este orzamento para os seus concellos”. Font quixo visibilizar esa “incoherencia” co exemplo de Cerdedo-Cotobade “porque obras son amores e boas razóns”. O deputado explicou que “grazas aos orzamentos destes anos a veciñanza do concello que goberna Jorge Cubela puido ter a construción ou mellora de parques infantís como Valongo, Das Longas, Caroi, Borela ou Viascon. Mellora de viarios como os de Tomonde, Cádavo, Fontán, San Xurxo de Sacos, Aldea de Amba, e outros 23 camiños. Melloras ou novos accesos ao Colexio CEIP Carballedo, Dorna, os Balnearios de San Xurxo, á potabilizadora, ou aos equipamentos públicos de Tenorio. Puideron executar obras en edificios e espazos públicos ou mellorar a eficiencia enerxética. Recursos que chegaron á mellora da seguridade en estradas como Cerdedo Santo Domingo, Serrapio Portela, Carballedo-Caroi, Cerdedo-A Portela ou Xesteira-Almofrei. Ou para a reestruturación do núcleo da Chan. Con redutores de velocidade o pasos sobreelevados; co pintado, desbroce e limpeza de cunetas nos máis de 100 km de viarios, ou unha inversión de máis de 350.000 euros en conservacións de firmes. Con estes orzamentos, dixo, Font, teñen administración electrónica, puideron contratar 113 persoas, financiar os servizos sociais comunitarios, as axudas de emerxencia ou a teleasistencia. Puideron organizar festas, teatro, música, obradoiros, excursións ou campamentos; apoiar aos seus clubs deportivos; ter cultura e igualdade, dinamizar a lingua ou protexer o patrimonio. “Votar non a este orzamento é votar non a todo isto, rematou Font, explíquello ao seu pobo”.

    O PP vota contra de instar á Xunta e ao Estado a mellorar os seus investimentos

    O grupo popular tamén se negou a reclamar á Xunta de Galicia e ao Estado a incrementar as súas partidas de investimento na provincia, algo que plantexaba a emenda do goberno a unha moción do grupo popular que pretendía que só se fixera esta esixencia ao goberno central e non ao executivo autonómico. Tanto Cesar Mosquera como Carlos Font tacharon desorprendente” que o PP se esquecera da Xunta cando Pontevedra é a provincia galega que menos recursos recibe por habitante da comunidade autónoma, ou como dixo Font,cando levamos anos sen investimentos nas infraestruturas autonómicas, sen recursos para equipamentos, sen os centros de saúde comprometidos, con centros educativos algúns en situación deplorable e sen a atención adecuada á sustentabilidade, ás universidades, á política de vivenda, o apoio ás familias máis vulnerables ou ao desenvolvemento rural”. O deputado socialista chamou a atención sobre o feito de que o PP esixa só ao Estado cando, amais, os orzamentos xerais xa están en vigor mentres que os da Xunta seguen en trámite e están no momento ideal para presentar propostas de mellora. Amais, a emenda incluía estender a instancia a 2022 tanto a Xunta como ao goberno central para que aumentasen os seus investimentos, “xa que facelo só para este ano ten pouco sentido, amais de que un Plan bianual é tamén máis acorde cos Fondos de Recuperación e Resilencia”, recordou, engadindo que “o mundo local tamén segue á espera de que o goberno galego aumente dunha vez os fondos aos concellos, cun reparto obxectivo e non a dedo, un fondo incondicionado que respecte a autonomía local. É un clamor dos concellos e Feijoo non pode demoralo máis”.

    Adro Vello

    Polo demais, Font lamentou a “oportunidade perdida do PP” que volveu a rexeitar a emenda na que o goberno aceptaba levar a cabo o estudo previo dun novo trazado para a EP 9106 no Grove, e incluso financiar a súa redacción, sempre que a Xunta de Galicia se comprometera a asumir o coste da construción desta alternativa viaria na contorna do xacemento de Adro Vello.

    O deputado socialista mostrou a súa disposición a facelo “a pesar de que esta Deputación fixo unha obra histórica nesta estrada que a veciñanza reclamaba fai décadas”, e lembrou que a Deputación xa ofreceu esta posibilidade por carta á conselleira Ethel Vázquez. Por iso, cualificou de “incomprensible que sendo o PP quen fala da importancia deste castro para o Camiño coa Ruta Traslatio neste Ano Xacobeo, centro neurálxico da política turística da Xunta, o grupo popular vote en contra desta emenda sendo tanto Patrimonio como o Xacobeo competencia exclusivísima da autonomía”. “É máis, dixo Font, non só pedimos este proxecto para Adro Vello, a Xunta debería ter un plan potente de posta en valor do patrimonio e máis en concreto de algo tan potente como os xacementos arqueolóxicos”. O deputado lembrou tamén que, así, o goberno galego podería facer algo máis que “libriños” e lamentou que “por non facer, nin comezaron co procedemento que anunciaron para a declaración de BIC de Adro Vello. Non moveron aínda unha coma”, concluiu.

    Pola súa banda César Mosquera cualificou a proposta de “moción de quedaben” e subliñou que as xestións para levala a cabo corresponderían ao alcalde do Grove e a decisión final sobre a súa viabilidade á Xunta. ”Votar a favor non significa nada –indicou-, porque igual a Xunta non acepta modificar o trazado”. O voceiro do BNG ironizou ao dicir que “parecen vostedes anti autonomistas e queren quitar as competencias á Xunta”. Rematou a súa intervención lamentando a actitude popular no pleno de “retorcer todo para non chegar a un só acordo dos que lles ofrecemos”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.