A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e o concelleiro de Seguridade, Leonardo Cabaleiro, recibiron na Casa do Concello aos dous axentes da policía local que o pasado domingo impediron, coa súa actuación “e poñendo en grave risco a súa seguridade” impediron o que podería ter sido unha traxedia na AP-9, ao interceptar a un vehículo que circulaba en dirección contraria.
Os dous axentes explicaron á alcaldesa e ao concelleiro de Seguridade, que “foi unha sorte para os ocupantes do Audi A3 que os mirásemos acceder a AP-9 en sentido contrario” e engadiron que, unha vez que se deron conta desa circunstancia “non o pensamos nin un instante a entramos tamén en sentido contrario, única maneira de interceptalos antes que provocaran un accidente”.
Unha vez pasado o tempo, ámbolos dous axentes recoñecen que foi unha manobra arriscada “xa que se una segundos antes algún vehículo tomase a saída cara a Teis, saída que se vai a unha velocidade considerable, atoparíase de fronte co vehículo que entraba en dirección contraria e podería terse producido un accidente moi grave”.
Por fortuna, os axentes conseguiron adiantar ao vehículo infractor aos cen metros adiantándoo e procedendo a súa inmobilización e cortando, ao mesmo tempo, a saída da AP-9 en dirección a Teis para evitar que alguén que tomase dita saída, colisionase frontalmente co vehículo detido.
Non se trataba dun piloto suicida, como en principio se puidera pensar, senón de un matrimonio maior que se despistara no seu intento de chegar a Vigo. Os axentes axudaron ao vehículo a dar a volta e acompañaron aos seus ocupantes ata o seu destino en Vigo.
Trátase, segundo a alcaldesa Digna Rivas, unha actuación que pon en valor “a capacidade de reacción da nosa policía local e, ao mesmo tempo, a súa capacidade de esquecerse incluso da súa propia seguridade, á hora de garantir a da veciñanza”. Un motivo, dixo a alcaldesa, “non só para agradecerlle esta actuación, senón para sentirnos moi orgullosos da Policía Local coa que conta este Concello”.