O alcalde de Nigrán, Juan González, acudíu esta tarde coa edil de Maiores, María Mayán, á celebración do 100 aniversario de Benedicta Carrera Rodíguez na súa casa de Chandebrito. A muller, nativa desta parroquia, soprou as velas en compañía da súa familia máis próxima, agardando ao domingo para reunirse todos. Ademais, recibíu de parte do Concello unha placa conmemorativa e o catálogo da exposición fotográfica ‘Mulleres de Nigrán -1970’.

Benedicta, viúva desde hai 35 anos, ten cinco fillos (un deles falecido), 17 netos (tamén un falecido), 21 bisnetos e un tataraneto en camiño. Aínda que conserva a súas facultades mentais, desde hai una anos precisa de axuda para moverse. Os seus netos destacan o seu bo carácter e o traballadora que sempre foi.
“É unha persoa moi querida na parroquia que traballou moito na súa vida, coidou da familia, traballou o campo, e aínda recorda como ía ao monte a por piñas para vendelas despois en Vigo”, conta a súa neta Paula Brito, quen subliña que Benedicta vive na súa propia casa.