14.4 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaNotable aumento do número de persoas que acuden á Oficina de Turismo...

    Notable aumento do número de persoas que acuden á Oficina de Turismo de Redondela

    Os números sinalan que entre os meses de maio a outubro un total de 3.349 persoas demandaron información turística do municipio fronte aos 1.003 de todo o ano 2020

    Redondela recupera, pouco a pouco, a importancia que en materia turística corresponde ao cuarto concello da provincia de Pontevedra, segundo se desprende dos datos aportados pola Concellería de Turismo, que xestiona María Castro. As cifras destacan que a Oficina de Turismo atendeu, no período comprendido entre abril e outubro de 2021, a un total de 3.349 persoas, fronte ás 1.003 que solicitaron información ao longo de todo o ano 2020.

    No que ao número de persoas peregrinas fai referencia –en Redondela conflúen o Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa– o incremento supera o 22 % con 2.602 visitas das que 1.936 foron de persoas procedentes doutras comunidades autónomas do Estado e 666 estranxeiros. En canto á procedencia, un 23,1 % (448) procedían de Andalucía (448), un 22,3 % % de Madrid (431), seguidas pola Comunidade Valenciá (260), Galicia (164) e Cataluña (146). Polo que á peregrinaxe estranxeira fai referencia, un 38,1 % (254) eran de nacionalidade portuguesa, seguidos por Alemania (92), Italia (92), Francia (30) e EEUU (19).

    En canto a visitantes e turistas non peregrinos, 469 persoas pasaron pola oficina de turismo entre abril e outubro fronte ás 237 que o fixeron ao longo de todo o ano 2020. Por procedencia deste turismo interior, as persoas chegadas de Madrid foron as que máis información solicitaron seguidas polas que viñan doutros puntos de Galicia, Andalucía, Cataluña e Castela e León.

    Doutra banda e no que respecta ao turismo estranxeiro, as persoas chegadas de Portugal, Alemania e Francia foron as que máis información solicitaron na Oficina de Turismo de Redondela. Cómpre salientar un importante crecemento tamén do turismo local, persoas de Redondela que se achegaron ás dependencias de turismo que subiron ata as 378 fronte ás 182 do 2020.

    A estes datos “esperanzadores logo dunha época de pandemia na que o sector turístico foi, xunto co comercio e a hostalaría, un dos máis afectados”, afirma a concelleira, engádese o feito da ocupación hostaleira que rondou en Redondela o 100 %. En todo caso, os datos, subliña o Goberno local, fan referencia tan só ás persoas que pasaron pola Oficina de Turismo que “sempre supoñen unha baixa porcentaxe respecto á totalidade de persoas, peregrinas ou turistas, que visitaron Redondela”

    O feito que en Redondela conflúan o Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa –este último cun crecemento exponencial dende a súa oficialización– e que o 2021 sexa Ano Santo Compostelá, contribuíron á dinamización turística do municipio.

    Nese sentido, tanto a concelleira María Castro, como a alcaldesa Digna Rivas, destacan a importancia de “reforzar a oferta turística do municipio –tanto histórica como patrimonial, cultural e paisaxística– para aproveita o fluxo de persoas peregrinas que, logo, se converten nos nosos mellores embaixadores de volta aos seus fogares”.

    O Museo Meirande non foi alleo ao crecemento do turismo en Redondela rexistrando, ata outubro 2021, 1.180 visitas máis que no mesmo período do 2020. Os datos, evidentemente, están moi lonxe dos que se acadaban no 2019, antes da pandemia da Covid-19. Non se pode esquecer, explica a alcaldesa de Redondela, “que antes da pandemia o museo organizaba visitas guiadas con grupos de ata 50 persoas mentres que, ata hai uns días, tan só se podían facer cun máximo de 10 participantes.

    O patrimonio cultural, histórico, artístico e natural de Redondela é incuestionable, asegura a alcaldesa redondelá e nesa liña “estamos a traballar para que o municipio pase de ser un lugar de paso para as persoas peregrinas, a unha etapa no camiño na que parar, visitar e coñecer para, logo, continuar cara a Santiago”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.