Xoves, 16 Xaneiro de 2025

Inicio das obras de mellora da Piscina Mancomunada do Val Miñor

O alcalde de Baiona e presidente da Mancomunidade de Municipios do Val Miñor durante o 2020, Carlos Gómez Prado, acompañado polo alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, visitou as obras de mellora que se están levando a cabo nas instalacións da Piscina Mancomunada situada na Ramallosa, Nigrán.

Os traballos de mellora desenvólvense en varias fase. Na primeira as obras focalízanse no teito dos vestiarios, cambiándose as estruturas de pladur por outras novas. A segunda fase estará centrada na cuberta da instalación con obras de impermeabilización nos canalóns, baixantes, xanelas e parte alta da propia cuberta.

A última fase ten como fin poñer en valor a parte exterior da instalación mancomunada. Na zona axardinada instalaranse duchas e cabinas para que os usuarios poidan gozar desta zona nos meses con mellores condicións meteorolóxicas.

As obras supoñen un investimento de 29.638,49 euros e foi durante a presidencia do alcalde de Baiona, Carlos Gómez –que remata o seu mandato o 31 de decembro–, cando se acordaron estes traballos de mellora nas instalacións.

Gómez chamaba a atención sobre a necesidade “de coidar os edificios públicos, e máis se cabe cando son utilizados por gran parte da poboación do Val Miñor, como é o caso destas instalacións mancomunadas”. O presidente da mancomunidade salientou que con estas obras “mellorarase substancialmente tanto o illamento térmico da instalación como a impermeabilización. Ademais de poñer en valor a zona do xardín para que os miñoranos gocen dun novo espazo con moitas posibilidades”.

O centro deportivo dispón de piscina, sala fitness con áreas dedicadas ao adestramento cardiovascular ou ao funcional e peso libre, ademais de zona de relax con sauna e baño turco.