8.7 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeUltimas NoticiasA Deputación intensifica con máis de 4 millóns de euros a súa...

    A Deputación intensifica con máis de 4 millóns de euros a súa política social para que Concellos e asociacións atendan á poboación máis vulnerable

    Carmela Silva: “Todos os concellos foron a primeira liña de atención ás persoas vulnerables e o asumiron sen que as entidades locais recibíramos un euro da Xunta”

    Máis de catro millóns de euros de investimento e sete liñas principais de actuación conforman o groso dos recursos cos que a Deputación de Pontevedra intensifica este ano o seu apoio a concellos, en especial aos de menos de 20.000 habitantes, e ás entidades con fins sociais para que poidan atender á poboación máis vulnerable neste momento de pandemia. A presidenta, Carmela Silva, xunto á deputada de Política Social Olga Ballesteros, fixo hoxe seguimento específico desta área, “prioritaria nesta Deputación”. Este ano incrementouse o orzamento nun 3 % o e se adiantaron as liñas de axuda “porque neste momento está claro que as consecuencias da pandemia non só foron sanitarias, senón tamén de carácter social, e a xente precisa que cheguen estas axudas canto antes”.

    Carmela Silva destacou a celeridade con que se están a tramitar todos estes recursos por parte da administración provincial e, ao mesmo tempo, quixo facer un recoñecemento a todos os concellos que fixeron un “esforzo enorme” e “que foron a primeira liña de atención ás persoas en situación de vulnerabilidade. Fixérono, engadiu, sen recibir ningún euro máis de ningunha administración”. “Por iso, dixo, nós tamén aumentamos os recursos, sobre todo ás entidades locais. Está claro, explicou a presidenta, que os concellos tiveron que facer un esforzo extraordinario porque a situación social agravouse moito por mor de todas as consecuencias da pandemia”. Lembrou que a Xunta recibiu “ducias de millóns para facer fronte ás necesidades sociais da pandemia, pero sen embargo o mundo local, concellos e deputacións, nin un só euro. A Xunta non repartiu eses recursos que recibiu do Goberno do Estado para compartir cos concellos que estaban a sufrir situacións máis graves do habitual. E os concellos o fixeron cos seus recursos propios. Nós entendemos que tiñamos que apoialos, porque aínda que non é a súa competencia, a xente cando ten necesidade non entende de competencias, entende de que se lle atenda. E o mundo local fíxoo”.

    Carmela Silva: “A xente cando ten necesidade non entende de competencias, entende de que se lle atenda. E o mundo local fíxoo”

    A primeira destas liñas de acción que desenvolve a Deputación son as axudas nominativas a entidades sociais, un total de 372.000 euros destinados a programas de 23 asociacións. Son a Fundación Érguete Integración, Confederación Cogami, Afapo, Apamp, Érguete, Xoga, Arela, Feafes (Federación Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia), Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home, Down Xuntos Pontevedra, Érguete Baixo Miño, AECC, Down Vigo, Amencer-Aspace, Afaga, Esperanza Salnés, Radio Ecca, Fundación Unicef Comité Español, a Federación Provincial de Cogami, Alborada, Afasal, Afamo e a Coordinadora Galega de ONGD. Entre os programas que desenvolverán grazas a estas axudas, figuran actividades de atención integral a persoas con diversidade funcional, estimulación da linguaxe oral, programas de autonomía persoal e de empregabilidade, así como de atención á infancia máis vulnerable ou becas de alfabetización, entre moitos outros.

    Doutra banda, a Deputación destina este ano 2,5 millóns ao Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais, cun incremento de 133.000 euros fronte ao 2020. 1,3 millóns están dirixidos ao financiamento do Servizo de Axuda no Fogar e 1,2 a sufragar os cursos do persoal dos Servizos Sociais dos concellos. Como novidade, ademais de aprobarse con máis antelación, neste 2021 os concellos puideron solicitar o adianto do 50 % do importe que lles correspondía “para facilitarlles a xestión”.

    A terceira liña confórmana as subvencións por concorrencia para entidades con actuacións no ámbito social, ás que se dedican 470.000€. Este ano presentáronse 120 solicitudes a estas axudas, para as que se incrementou o importe máximo para cada proxecto, que pasou de 6.000 euros a 7.000. Estas subvencións soen destinarse a programas de promoción, da autonomía persoal en persoas con enfermidades mentais, servizo de información e orientación para persoas con parálise cerebral, fomento do emprego, atención integral ao neno/a con patoloxía oncohematolóxica, ou reparto de alimentos, entre outras.

    No que se refire ás Axudas Básicas de Emerxencia destinadas aos 52 concellos de menos de 20.000 habitantes, neste 2021 destínanse 565.000 euros, 100.000 máis que o pasado ano. Neste caso os concellos podían obter por adiantado o 50 % do importe e a contía máxima para cada concello que vai desde os 7.800 aos 17.800 euros, en función da súa poboación e da porcentaxe de desemprego con respecto á mesma. Destínanse a gastos de alimentación, vivenda, produtos farmacéuticos ou necesidades básicas. Neste ano, tamén como novidade, incluíse na tipoloxía destas achegas a adquisición de roupa e calzado, á compra de produtos de protección contra a Covid, máscaras ou xel hidroalcólico.

    Carmela Silva e Olga García Ballesteros

    O servizo de teleasistencia atende na actualidade a 700 persoas de 46 dos 52 concellos de menos de 20.000 habitantes que están adheridas ao servizo aínda que, como sinalou a presidenta provincial, poderían chegar a 1.000 persoas se o demandan os concellos “e ao final de ano sempre se incrementa o número”. O gasto anual ascende a máis de 174.000 euros, e é financiado ao 50 % entre a Deputación e os concellos. Carmela Silva referiuse tamén aos cursos de español para persoas inmigrantes que financia a institución provincial e que se desenvolven en Vigo e Pontevedra para facilitar ás persoas non hispanofalantes a consecución do DELE A2, necesario para obter logo a nacionalidade española.

    Nova liña de axudas dirixidas a ONGD

    A presidenta anunciou que este ano a Deputación lanza unha liña de axudas a ONGS para a realización de proxectos concretos de cooperación ó desenvolvemento en países empobrecidos, que contribúan ó desenvolvemento de proxectos sociais, aliñados coa Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible e os ODS. Estanse a pechar as bases para estas achegas, para as que se disporá un orzamento de 45.000 euros. “Polo tanto –apuntou- seguimos a ampliar os recursos que dedicamos a todo o que ten que ver coas políticas sociais tanto para nosa veciñanza como tamén para outros colectivos a nivel internacional, que é amais una esixencia da Axenda 2030, que as administracións participemos en garantir dereitos a persoas a nivel internacional que precisan axudas”.

    A presidenta referiuse tamén ao investimento de 1,2 millóns realizado o pasado ano 2020 pola Deputación en axudas extraordinarias de emerxencia polo Covid aos concellos de menos de 20.000 habitantes. Explicou que os concellos destinaron unha parte a financiar os custos de persoal do Servizo de Axuda no Fogar encargado de atender ás familias en risco de exclusión social, que viron agravada a súa situación pola Covid, “e tamén moitos deles á alimentación e outros gastos correntes como desinfección de espazos públicos, centros educativos, compra de material anti Covid e colocación de mamparas nos edificios públicos”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.