PSdeG-PSOE e AER acadan un acordo de Goberno para os vindeiros catro anos

Digna Rivas e Susana Couñago asinan o acordo de Goberno entre PSdeG-PSOE e a Agrupación de Electores de Redondela para os vindeiros catro anos Digna Rivas e Susana Couñago asinan o acordo de Goberno entre PSdeG-PSOE e a Agrupación de Electores de Redondela para os vindeiros catro anos

O PSdG e a Agrupación de Electores de Redondela, AER, asinaron na tarde do martes o acordo polo que se conforma o goberno local para os vindeiros catro anos. Deste xeito, Redondela contará cun goberno inédito ata o de agora. Por unha banda, os socialistas recuperan a Alcaldía do cuarto municipio da provincia tras oito anos de goberno en minoría do Partido Popular. Para AER o fito é aínda maior xa que accede ao goberno por primeira vez na súa historia.

O Goberno de Redondela estará formado por un total de dez concelleiros, os sete do PSOE e os tres AER, facéndose cargo os socialistas das áreas de Igualdade e Normalización Lingüística, que dependerán directamente da alcaldesa Digna Rivas; Seguridade, Transporte, Medio Mariño, Interior e Patrimonio (Leonardo Cabaleiro); Economía e Facenda, Urbanismo e Vivenda, Persoal e Emprego (María Castro Abad); Deportes e Xuventude (Nacho González); Parques e Xardíns, Protección e Promoción Social (Marta Alonso Domínguez); Vías e Obras, Benestar Comunitario e Feiras e Mercados (Vicente Lamas Guisande) e, finalmente, Ensino e Conservatorio (Olga García Ballesteros).

Pola súa banda, a Agrupación de Electores de Redondela farase cargo das áreas de Transparencia, Novas Tecnoloxías e Participación (Susana Couñago Andrés); Medio Ambiente (Roberto Vilar Rodríguez) e Cultura e Turismo (Daniel Boullosa Martínez).

Dúas cores para un só goberno
O acordo asinado inclúe a creación dunha serie de organismos de coordinación xa que, pese a tratarse dun goberno 'bicolor', pretende traballar de xeito conxunto e de forma transversal. Ámbalas dúas formacións teñen claro que a coordinación no desenvolvemento das áreas das distintas Concellerías son premisas básicas para o funcionamento do executivo local.

O acordo asinado na tarde de onte martes, chega despois de que ámbolos dous grupos acadaran, hai unhas semanas, un acordo de investidura. Os principios programáticos que se fixaran daquela para a elección de Digna Rivas, que pasaba a converterse na primeira alcaldesa da historia de Redondela, buscan un Concello máis transparente e máis participativo; "un Concello onde primen os servizos públicos, os criterios, a igualdade, a equidade, a cultura local e o respecto ao medio ambiente por suposto seguen vixentes e serán desenvolvidos polas diferentes áreas de Goberno", sinalan dende o Concello.

En canto á composición da Xunta de Goberno Local, AER terá dous representantes e asumirá a segunda tenencia de alcaldía mentres que o PSdeG-PSOE contará con cinco membros na Xunta de Goberno local e asumirá a primeira e a terceira tenencia de alcaldía. Finalmente, no que a gastos políticos atinxe, (soldos, asignación etc..), ambos socios de goberno acordaron non superar a contía establecida no mandato anterior.