O BNG decide manterse á marxe do goberno de Redondela

Xoán Carlos González, portavoz do BNG no Concello de Redondela Xoán Carlos González, portavoz do BNG no Concello de Redondela

A noitiña do xoves pasado, o Bloque Nacionalista Galego de Redondela debateu a postura a tomar ante a conformación dun novo goberno municipal, debate que tivo lugar no que, fontes nacionalistas, cualificaron de  "intensa e moi productiva Asemblea con numerosas intervencións" e na que se adoptou a decisión de manterse á marxe da conformación do novo goberno municipal, "e seguir traballando con responsabilidade dende a oposición”.

Poñen en valor dende a Asemblea Local, “o feito de ter apoiado o cambio de goberno en Redondela respaldando a investidura da candidata do Partido Socialista”. Ademáis de engadir que “conscentes de que a veciñanza deulle un importante apoio a unha forza progresista, e outra que actúa no eido local, en alusión ao PSdeG-PSOE e AER, "debemos permitir que conformen un goberno composto por dez concelleiros e concelleiras”, explicou o portavoz nacionalista Xoán Carlos González.

Na súa Asemblea Local, os nacionalistas non esqueceron facer unha análise dos votos recibidos na última cita eleitoral municipal, que lles permitíu subir ata os dous concelleiros. “Ante unha situación de minoría do novo bipartito, permitiranos incidir, e mesmo participar de decisións de calado beneficiosas para a veciñanza”.

“Seguimos defendendo un Proxecto para Redondela, inxerido nun Proxecto de País, máis social, máis xusto, que se centre nas nosas potencialidades, que non se mire o embigo. Mais consideramos que un concelleiro e unha concelleira, non son suficientes para levar este modelo adiante. Respectamos o lugar onde nos colocaron os e as redondeláns, cos seus votos.” Non negan a responsabilidade que supón traballar á marxe do goberno municipal, para construír un novo modelo de sociedade.

Xoán Carlos González lanza unha mensaxe de tranquilidade ao compromoterse “a seguir tanto eu, como a compañeira Yésica García traballando por defender aos colectivos e veciños e veciñas en xeral de Redondela, como sempre fixemos. Máis agora que lograrmos conectar con sectores que volven a vernos como verdadeiros interlocutores das súas problemáticas e das súas propostas”. Finalmente o voceiro do BNG salienta que as súas liñas de traballo basearanse “no rigor co que nos tén recoñecido moita xente, con lealdade coa veciñanza, co comprimoso co noso Proxecto político”.