Digna Rivas chama á participación “para acadar unha Redondela cohesionada e de futuro”

Digna Rivas con parte da candidatura do PSdeG-PSOE, descansando na xornada de reflexión de onte Digna Rivas con parte da candidatura do PSdeG-PSOE, descansando na xornada de reflexión de onte

A candidata do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Redondela, Digna Rivas, definiu a xornada electoral de hoxe como “unha auténtica festa da democracia na que, veciños e veciñas, elixen o que consideran mellor para os seus municipios”. Rivas, que aspira a converterse na primeira alcaldesa da historia de Redondela, fixo un chamamento á participación “para acadar unha Redondela cohesionada e de futuro”.

A participación, sinalou a candidata socialista, “independentemente da cor política do voto, é un dos maiores indicadores da saúde democrática do noso país” polo que considera “moi importante” que a veciñanza acuda a votar e a decidir, “co seu voto soberano o goberno que queren para os vindeiros catro anos”.

Digna Rivas pasou a xornada de reflexión de onte paseando polas rúas de Redondela e Chapela acompañada de membros da súa candidatura, logo de ter percorrido, ao longo dos quince días de campaña, todas as parroquias do municipio para manter conversas coa veciñanza e explicar, polo miúdo o seu programa de goberno.