Redondela prepárase para a XXXIII edición da Festa do Choco

Redondela presentou esta mañá o programa da que será a 'XXXIII Festa do Choco", que se desenvolverá os días 10, 11 e 12 de maio. O alcalde de Redondela, Javier Bas, agradecía o traballo "daquelas persoas que fundaron a festa que loitaron por exaltar o choco de Redondela", agradecemento que facía extensivo "á Asociación de Empresarios e a todos os hostaleiros da vila pola exaltación deste produto".

A confraría tivo especial mención neste acto, "por ser o primeiro eslabón dunha cadea que nos ofrece ano tras ano un produto de alta calidade".

Nesta edición haberá dez postos, e como novidadade haberá tamén cervexa artesanal, máis variedade de viño e platos como pan chino de choco, fabas con choco ou fideauá con choco. O Concello de Redondela, organizador principal deste evento turístico, quere que esta festa sexa “inclusiva”, tal e como sinalaron o alcalde, Javier Bas, e a concelleira de Eventos, Ángela Antón, e, por iso, contarase cun intérprete en Lingua de Signos para diversos actos da programación.

O programa inclúe actuacións diversas como os bailes dos alumnos e alumnas das escolas de baile da vila, e actuacións musicais como a Ilidenys, de Chapela; Charo, de Cesantes; Airiños da Peneda; a Orquestra de Saxos, 3.com ou as bandas de musica de Chapela e Redondela.

Javier Bas, destacou a implicación da veciñanza con esta celebración, e valorou as propostas que se teñen recibido nos últimos meses "para que esta cita cultural e gastronómica siga medrando e siga dando a coñecer o produto gastronómico de Redondela".

“A Festa do Choco está dinamizando a nosa vila nestas datas, e queremos que o choco sexa un reclamo turístico para que durante todo o ano a xente poda pasar unha xornada en Redondela gozando dos seus encantos turísticos e, por suposto, degustando o choco en calquera das súas variedades”.