A Comunidade de Montes do Viso denuncia o roubo de castiñeiros plantados recentemente

A veciñanza comuneira do Viso, en Redondela, non sae do seu asombro ao comprobar, este pasado lunes 6 de maio, como parte do arborado autóctono plantado no Escredo, foi roubado nun feito que a xunta directiva da Comunidade de Montes cualifica de "decepcionante" ao non ser capa de entender "que haxa persoas que insulten deste xeito ao traballo da veciñanza do Viso e dos voluntarios e voluntarias que axudan á rexeneración e coidado do monte veciñal“.

O pasado 10 de marzo a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común do Viso organizaba unha nova edición do día da árbore no monte Espiño. Unhas 50 voluntarias e voluntarios traballaron nesa xornada para a creación de franxas verdes con frondosas autóctonas de cara mellorar a defensa contra incendios forestais do monte comunal. En total plantáronse máis de 200 árbores en diferentes zonas do monte en man común do Viso.

No barrio do Escredo realizouse unha plantación de castiñeiros nunha zona cercana ás casas que xa fora anteriormente rozada, como medida protectora ante incendios forestais e para dar cumprimento ás distancias de defensa que establece a lei de incendios. A sorpresa das comuneiras e comuneiros do Viso foi maiúscula cando este luns 6 de maio comprobaron como parte do arborado instalado no Escredo foi roubado, quedando no lugar unicamente os buratos tras ser arrincadas as árbores. 

Dende a Xunta Directiva estase avaliando, na actualidade, os danos provocados para denunciar o delito ante o Seprona ou a Policía Nacional e que poidan investigar para localizar aos culpables. “Neste senso precisamos e pedimos colaboración cidadá para, por un lado, estar atentos daquelas persoas que queiran facer mal no monte e, por outro, axudar a proporcionar pistas sobre os delincuentes que puideron cometer este acto en contra do ben común”.