Digna Rivas: “Hoxe comezamos a construír unha Redondela igualitaria, equitativa e xusta”

“Hoxe comezamos a construír unha Redondela igualitaria, equitativa e xusta”, asegurou Digna Rivas na súa presentación como candidata á alcaldía de Redondela no acto celebrado este venres no Pazo de Vilavella. Rivas, nun salón de actos ateigado de público, daba as grazas a todos e todas pola súa presenza cunha mención especial para a presidenta da Deputación de Pontevedra, Camela Silva “que é o meu referente en política e quen me apoiou neste importante paso de liderar un proxecto de futuro para Redondela”.

A candidata socialista pasou a presentar, un a un, aos compoñentes dunha lista formada, subliñou, “por homes e mulleres convencidos da necesidade dun cambio que faga que Redondela mire ao futuro con esperanza”. “Homes e mulleres –recalcou Digna Rivas– que entenden a política como sempre a entendemos dende o Partido Socialista, como unha vocación de servizo á cidadanía e como un medio de mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”.

“É preciso rematar, dunha vez por todas, coa política clientelista dun goberno do PP que vende os servizos públicos como favores, servizos que son un dereito da veciñanza e non un favor que lles fai o alcalde”, afirmaba Rivas.

A candidata do PSdeG-PSOE á alcaldía redondelá definiu a súa frase de campaña «Contigo, sí» como “dúas palabras, cortiñas, pero que resumen toda unha filosofía de traballo” porque, asegurou Digna Rivas “contigo, co pobo de Redondela, síntome capaz de impulsar políticas sociais, de construír un rural cohesionado e rematar co populismo do PP baseado en promesas baleiras e imposibles de cumprir”.

Digna Rivas estaba acompañada pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva que definiu á candidata como “muller de fortes principios, intelixencia e ideas” polo que non dubidou en afirmar que “Digna Rivas é unha garantía para Redondela.

A presidenta provincial destacou o labor desenvolvido por Digna Rivas na Deputación de Pontevedra asegurando que “foi unha extraordinaria deputada provincial que soubo gañarse o cariño e respecto da cidadanía”. Nese sentido, Carmela Silva expresou o orgullo “de que teña traballado comigo, man a man e que a política de Cohesión Social e Xuventude teña sido extraordinaria grazas ao seu labor”.
“Redondela precisa unha candidata que pense nas demandas, soños e necesidades das redondelás e redondeláns” e non como aconteceu co actual alcalde do que, afirmou a presidenta, “actuou como o «pistolero» de Feijóo” afirmou a presidenta da Deputación.

Carmela Silva insistiu en que Redondela, “precisa dunha alcaldesa como Digna Rivas, afable, rigorosa, amable, seria e que practica o diálogo e a busca de acordos que beneficien ao seu municipio”.
“Digna Rivas –rematou a presidenta da Deputación– é unha gran muller, que cre nos dereitos das mulleres e unha gran política que ama ao seu pobo e conseguirá que Redondela volva a ocupar o lugar que lle corresponde”.

Digna Rivas pechaba o acto asegurando que para rematar “coas políticas estériles e caciquís do PP” só había un xeito: “encher as urnas de rosas, de rosas socialistas, tanto o 28 de abril, para que Pedro Sánchez sexa de novo no noso presidente do Goberno coma o 26 de maio para que Redondela, por primeira vez, teña unha alcaldesa socialista”.

“Contigo, si, seremos capaces de conseguilo. Contigo sí, vou ser a próxima alcaldesa de Redondela”, remataba Digna Rivas entre os aplausos do público.