Digna Rivas: “O Goberno de Javier Bas non cre nos proxectos das asociacións”

A candidata socialista á alcaldía de Redondela, Digna Rivas, asegurou hoxe que o “Goberno de Redondela, non cre no proxecto que levan a cabo as asociacións do municipio”. Rivas fixo estas declaracións logo de que o Pleno aprobase co apoio do Grupo Socialista, as propostas do Grupo de Goberno dos novos convenios coas entidades sociais, deportiva e culturais de Redondela.

O noso voto favorable –explicou a concelleira do PSdeG-Redondela– “foi unha mostra de responsabilidade e respecto polo traballo que desenvolven os distintos colectivos e asociacións así como pola importancia que esa labor ten para as veciñas e veciños de Redondela”.

Lamentou Digna Rivas “a falta de respecto do alcalde Javier Bas ás asociacións de Redondela” que queda plenamente reflectida no feito de que o incremento dos convenios nominativos “fíxose sen ningún tipo de criterio obxectivo, sen planificación, cunha improvisación absoluta e sen reunións previas con todos eles”.

Segundo Rivas, colectivos de moito calado no tecido asociativo de Redondela miraron con sorpresa como o novo convenio non tiña ningún tipo de incremento respecto ao ano anterior “e só logo das súas protestas, o Goberno do PP rectificou e subiulles a contía do convenio”. Esa improvisación continua e esa falta de planificación seria, apunta a concelleira “é a constante no Goberno de Javier Bas, non só neste tema, senón en todas as facetas da súa xestión”.

O traballo que desenvolven as asociacións de Redondela, afirma Digna Rivas, “merecen o máximo respecto” e para iso un Goberno serio e responsable “ten que habilitar unha política de axudas planificada e obxectiva que lles permita realizar o seu traballo social, cultural e deportivo coas máximas garantías”.

“Non se pode esquecer que a labor que realizan ditas asociacións e fundamental para a cidadanía, xa que so coa súa implicación é posible desenvolver iniciativas esenciais para á veciñanza de Redondela”, conclúe a candidata.