Mellora da seguridade viaria en Redondela coa nova pasarela da Ponte de San Xulián

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou onte en Redondela que a nova pasarela da ponte de San Xulián "permite pechar un itinerario peonil continuo" no treito urbano desta vila que, ademais de favorecer o desprazamento máis cómodo e seguro dos veciños, pon en valor o espazo no que se atopa un elemento patrimonial de grande interese, como é o Peto das Ánimas.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, desprazouse hoxe a Redondela para ver o resultado da execución desta pasarela metálica sobre o río Alvedosa, iniciada a finais de xullo, e encamiñada a mellorar a mobilidade dos veciños e incrementar a súa seguridade viaria.

Abundou que con este nova estrutura se favorece a circulación a pé nun treito concreto da estrada autonómica PO-250, en pleno núcleo urbano desta vila, e ofrece á veciñanza unha alternativa para cruzar o río con maior seguridade. E para iso, engadiu, construíuse a pasarela metálica adosada á ponte de San Xulián, que completa o itinerario peonil pola marxe dereita desta estrada que vai a Ponte Caldelas, ao seu paso polo Concello de Redondela.

Redondela EthelVazquez JavierBas pasarela alvedosa03

A conselleira puxo o acento na importancia desta actuación, tanto pola súa funcionalidade como desde o punto de vista da rendibilidade social. E, neste sentido, explicou que a intervención consegue facer máis compatible o tránsito peonil e rodado, nun punto da estrada que soporta un tráfico elevado.

A titular do departamento de infraestruturas da Xunta sinalou que coa construción desta pasarela metálica, ademais de reforzar a seguridade dos peóns, fíxose posible o acondicionamento da contorna. En concreto, dixo, pavimentouse en lousa este espazo no que se distingue un elemento patrimonial de grande interese, como é o Peto das Ánimas, considerado Ben de Interese Cultural (BIC).

Resaltou que a intervención da Xunta, na que só resta o retranqueo do poste da luz por parte da compañía eléctrica, supuxo un investimento de preto de 135.000 euros. A mesma, destacou, contribúe así a o dobre obxectivo de favorecer unha mobilidade máis cómoda e segura aos usuarios vulnerables da estrada, aos peóns, e de posta en valor e humanización do espazo onde se atopa este ben patrimonial.

Redondela EthelVazquez JavierBas pasarela alvedosa02

En definitiva, subliñou, unha nova mostra da aposta da Xunta por lograr estradas máis humanas, máis accesibles e máis seguras, que se vén a sumar a intervención rematada este pasado verán de humanización da Avenida de Vigo, cun orzamento do departamento de Infraestruturas de 2,3 millóns de euros.

Ethel Vázquez indicou tamén que o seu departamento vai a continuar coa humanización da Avenida Mendiño, que se corresponde coa estrada autonómica PO-363. E avanzou que xa se está a redactar o proxecto para a súa posterior execución por fases, comezando por unha primeira nun treito aproximado de 1 km, ata a zona do centro de saúde, coa reordenación do tráfico, do tránsito peonil e dos aparcadoiros.