Salvaterra contará cunha senda peonil entre o centro urbano e As Zacoteiras

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Salvaterra do Miño, Arturo Grandal, asinaron hoxe un convenio por importe de máis de 680.000 euros para a execución dunha senda peonil desde o centro urbano da vila e o núcleo de poboación das Zacoteiras, nas estradas PO-400 e PO-402, e a rehabilitación do firme da estrada PO-400, no tramo que coincide coa rúa Rosalía de Castro. O obxectivo é a mellora das condicións de accesibilidade e mobilidade da veciñanza e o reforzo da seguridade viaria.

As obras obxecto deste convenio asinado hoxe en Santiago permite acometer os dous proxectos deseñados polo departamento de Infraestruturas da Xunta.

Unha das intervencións prevé a construción dunha senda peonil na marxe dereita das estradas PO-400, puntos quilométricos 1+120 – 2+380, e PO-402, entre os p.q. 0+000 – 0+140, que parte do centro urbano de Salvaterra do Miño e vai ata o núcleo de Zacoteiras.

Trátase de executar un itinerario de case 1,5 quilómetros de lonxitude e adaptadas á orografía. Os traballos da senda completaranse cunha rede de drenaxe para recollida, canalización e evacuación das augas de escorrentía, a preinstalación dos servizos de alumeado público e telecomunicación e a disposición da sinalización vertical e repintado das marcas viarias afectadas.

Ademáis os traballos de remate inclúen o recheo con terra vexetal; semente de especies estacionais, así como a instalación de varanda de protección en aceiro tubular e recrecido de pozos e arquetas.

A outra intervención comprende a rehabilitación do firme da estrada PO-400 ata a glorieta de intersección coa PO-402, no tramo urbano que se corresponde coa rúa Rosalía de Castro. Neste vial, moi transitado por vehículos e peóns e que cruza o centro da vila ata o núcleo de poboacional de Oleiros, a actuación inclúe a limpeza das marxes e apertura de cunetas, o reforzo de firme e o pintado de marcas e sinais.

Segundo establece o convenio asinado hoxe, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade subvencionará os gastos de execución das obras e se compromete a transferir ao concello os terreos de dominico público viario necesarios para a execución das obras.

Pola súa banda, correspóndelle ao Concello de Salvaterra do Miño adxudicar, dirixir e executar as mesmas de conformidade co proxecto, e tamén asumir con anterioridade á licitación das obras a titularidade do treito da senda peonil e do tramo da rúa Rosalía de Castro, salvo calzada e beiravías.