A Asociación Quinta do Piñeiro de Salvaterra presenta a Festa da Sementeira e Música

O Salón de Plenos da Casa do Concello de Salvaterra de Miño acolleu a presentación da Festa da Sementeira e Música que organiza a asociación Quinta do Piñeiro e que se celebrará os días 11 e 12 de maio na área recreativa do Muiño da Ponte na parroquia de Corzáns, á beira do campo de fútbol.

A festa comezará o sábado pola mañá cunha concentración de tractores clásicos que, a continuación, realizarán unha ruta polos principais enclaves turísticos do municipio. Pola tarde noite, a música de grupos ben coñecidos dentro do panorama musical como Xosé Lois Romeu e Aliboria, Festicultores Troupé e Son dá Raia poñerán a nota musical a esta primeira xornada da Sementeira e Música 2019.

O domingo os traballos do campo e unha labrada con bois que darán paso á lectura do pregón a cargo dun personaxe tan coñecido, como o deportista Fernando Romay. Para recuperar forzas, os asistentes poderán gozar dunha comida campestre onde a Carne ao Caldeiro, a empanada, o churrasco ou o polbo farán as delicias dos estómagos máis esixentes.

Pola tarde, celebraránse as 'archiconocidas' Olimpíadas agrícolas que poñerán a nota de humor á celebración, cos seus tradicionais xogos do 'cambio de marcos' ou lanzamento de alpacas. Os máis pequenos da casa tamén terán o seu oco nesta festa da Sementeira e Música e para eles haberá actividades como obradoiros, xogos tradicionais ou obras de teatro a cargo de Barafunda Animación.

Contarase tamén coa actuación dos renombrados Os Melidaos que xunto a grupos como o quinteto Ronco&Fol e As Lucernas poñerán a nota musical a un evento que cada ano alcanza maiores cotas de asistencia. Serán dous días nos que a artesanía, a diversión e a tradición estarán presentes.

Dous días onde poderemos ir cara atrás no tempo, situándonos nas primeiras décadas do século XX. Para iso, a organización anima a que todos aqueles que o desexen, a asistir vestidos con traxes de época e a participar na elección do mellor caracterizado.