Salvaterra prepara o Mes do Libro para fomentar a lectura entre os máis cativos

A Concellería de Cultura do Concello de Salvaterra de Miño que dirixe Marta Valcárcel, vén de elaborar un amplo programa de actividades baixo o título 'Abril, mes do libro' que teñen como finalidade fomentar o hábito da lectura entre os nenos e nenas. O programa abrangue obradoiros e actividades de contaconto, os ingredientes precisos para espertar o interese dos máis pequenos polo mundo marabilloso que supón a lectura.

O mes do libro comezará o mércores 3 de abril cunha actividade de creatividade artística que se realiza baixo o nome de 'Arte na Biblio, saca @ artista que levas centro' e que terá lugar entre as 18 h eas 19 h na Biblioteca Municipal.

O mércores, 10 de abril, nenos e nenas terán a oportunidade de participar nun novo obradoiro, desta volta será de creación de marcapáxinas. Tamén terá lugar na Biblioteca Municipal de 18 h a 19 horas.

O martes 23, coincidindo coa celebración do Día do Libro, a Praza do Concello acollerá entre as 18 h e as 19:30 horas, unha actividade de teatro infantil baixo o título 'Chocolate' que, por se fora pouco atractivo, conta tamén cun obradoiro de cociña para que os máis cativos exploten toda a súa capacidade culinaria. En caso de que as condicións meteorolóxicas non acompañasen, a actividade será suspendida.

Finalmente, o mércores 24, no horario habitual destas actividades –18 h a 19 h– a biblioteca será o lugar elixido para desenvolver unha actividade de contacontos.