A Deputación aprobará mañá unha achega de preto de 160.000 euros para Salvaterra

O deputado provincial de Cooperación, Carlos Font, informou hoxe da aprobación o venres pola Xunta de Goberno da Deputación dun investimento para Salvaterra de Miño con cargo á Liña 1 do Plan Concellos de 2019. En concreto, serán 157.197,46 euros cos que a vila poderá financiar a reposición de céspede no campo de fútbol de O Casal. Este ano a institución provincial pon a disposición de Salvaterra de Miño ao través do Plan un total de 756.382,79 euros, un 3,32% máis que no 2018.

Máis polo miúdo, a actuación comprende a execución dun novo céspede sintético no campo de fútbol existente. Neste eido, as obras implican a eliminación dos recheos existentes, a retirada e xestión a vertedoiro homologado do céspede actual, para posteriormente proceder á limpeza e verificación do correcto estado do campo. Para rematar, vaise colocar a base elástica sobre a base de aglomerado e, sobre a base elástica, instalarase finalmente a manda de céspede artificial.

Ademais das achegas correspondentes á Liña 1, que son este ano de 522.277,60 euros, o concello de Salvaterra de Miño tamén ten á súa disposición polo Plan Concellos 2019 un total de 67.890,51 euros na Liña 2 de amortizacións e débedas. Así mesmo, outros 166.214,68 euros da Liña 3 de emprego cos que o concello pode financiar a contratación de 20 traballadores e traballadoras para o concello.

Neste novo ano 2019, no total da provincia, a Deputación de Pontevedra pon a disposición dos 59 municipios ao través do Plan Concellos case 43 millóns e medio de euros, o que supón un 3,3% máis que no exercicio do 2018.